O Concello de Ponteareas informa da apertura de prazo por parte da Deputación para optar á oferta formativa “Conectadas 2016”

conectadas-2016.jpgO Concello de Ponteareas, a través da concellería de Igualdade xestionada por Verónica Carrera, informa de que a Deputación de Pontevedra vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras do programa Conectadas 2016. A partir do 12 de xaneiro e durante un mes, as entidades que promoven o desenvolvemento das mulleres poderán presentar as súas solicitudes nos rexistros da Deputación para poder optar ás 267 prazas deste programa.

Conectadas 2016, dotado de 321.433 euros, ten por obxectivo potenciar a participación e a promoción das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias en igualdade, impulsar accións formativas para contribuír a mellorar a empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, facilitar o emprego da información e as novas tecnoloxías, así como incorporar de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Os bloques de contido de Conectadas 2016 son os seguintes: “Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego” (plan de negocio, community managere-commerce, asesoría laboral e fiscal, coaching), “Muller e cultura: artes visuais” (fotografía, pintura, percusión e teatro, entre outros), “Actualízate” (correo electrónico, manexo de tableta, teléfonos intelixentes, redes sociais…), “Coas túas mans” (cestería, traballos en tea, coiro, madeira e costura creativa, entre outros), “Porque ti o fas” (arte floral e ornamentación, sostenibilidade, horta ecolóxica…), “Súmate ao cambio” (hábitos saudables, conservación de alimentos, mantemento do fogar e xestión doméstica, corresponsabilidade doméstica e familiar, coida o teu vehículo, bricolaxe…), “Ponte en forma” (pilates, taichí ou ioga, entre outros) e “Coidados persoais e saúde” (manexo do estrés, menopausa saudable, risoterapia, musicoterapia…).

As accións formativas, de 35 horas de duración, estarán abertas a toda a poboación da provincia e incluirán, de forma transversal, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes a través dun módulo de sensibilización en igualdade de 5 horas de duración. Aínda que as mulleres terán preferencia se reservará o 25 % das prazas para homes, agás no bloque “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta, xa que se cubrirán as prazas ao 50 % co obxectivo de impulsar a participación activa e conxunta de mulleres e homes nas cuestións que se desenvolven no ámbito privado.