O Concello de Ponteareas homenaxea a Álvaro Pino no 35 aniversario da súa vitoria na Volta a España e dá o pistoletazo de saída á Marcha Cicloturista que leva o seu nome

A Marcha Cicloturista terá lugar o 3 de outubro no Condado – Paradanta

O acto, presentado por Terio Carrera, contou coa presenza do ex ciclista campión da Volta a España e con numerosas autoridades institucionais de Galicia

As inscricións xa están abertas a través da web www.clasicaalvaropino.com

Este xoves foi presentada oficialmente a Clásica Álvaro Pino, en virtude do convenio de colaboración entre o propio protagonista, a asociación deportiva Plan C e o Concello de Ponteareas. Desta forma recupérase a Marcha Cicloturista tras cinco anos sen celebrarse. Ao acto, no que se homenaxeou ao ex ciclista polo 35 aniversario da súa vitoria na Volta a España e que foi presentado polo popular presentador Terio Carrera, asistiron o ex corredor Álvaro Pino, a alcaldesa de Ponteareas Cristina Fernández Davila, o concelleiro de deportes Miguel Bouzó, diferentes autoridades da Xunta de Galicia, a Federación Galega de Ciclismo, o GDR Condado Paradanta, o ciclista Borja Gómez, así como representantes de todos os patrocinadores da marcha.

 

Pino amosou o seu máis sincero agradecemento pola iniciativa que supón a volta dunha marcha con 13 anos de historia e un gran prestixio a nivel nacional, sendo hai anos a proba máis numerosa en Galicia, e sinalou que se involucrará no evento na medida das súas posibilidades, á vez que prometeu “poñerse a adestrar duro” para o próximo 3 de outubro.

A alcaldesa nacionalista Cristina Fernández agradeceu á organización e a todas as institucións e patrocinadores que fixeron posible que esta marcha con historia volva recuperarse no Condado, e destacou que é moi importante para Ponteareas, non só pola tradición ciclista que ten o Concello que conta con tres ponteareáns que gañaron a Volta a España -o propio Álvaro Pino, e os irmáns Delio e Emilio Rodríguez Barros- senón porque tamén supón unha reactivación do deporte nestes tempos da COVID-19.

 

Os membros da asociación deportiva Plan C, xunto con Álvaro Pino, foron os encargados de debullar o que será esta nova edición da Clásica Álvaro Pino e que supón o comezo dunha “nova e ilusionante etapa” encamiñada a situar a proba como un dos máis importantes referentes a nivel galego.

 

Os primeiros pasos xa se están dando este ano, no que se estrea percorrido, “buscando unha maior beleza paisaxística e contribuíndo á promoción de novos enclaves da Comarca de Condado Paradanta”, segundo sinalaron os organizadores.

 

Sete serán os concellos que poderán vivir de preto a Clásica Álvaro Pino, que partirá e finalizará en Ponteareas tras pasar por Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra. Manterase un ano máis a filosofía de “achegar o ciclismo ao público”, apuntan os organizadores, respectando e cumprindo sempre as medidas de seguridade debidas á situación actual. Álvaro Pino aproveitou para animar a todos os veciños a que o día 3 de outubro se unan a esta gran festa do ciclismo que é a Clásica Álvaro Pino.

 

A día de hoxe están previstas 300 inscricións, respectando os límites que se marcan debido ás restricións actuais, pero os organizadores son positivos e esperan que a situación mellore e se poidan abrir máis inscricións. Estas, xa se poden realizar a través da páxina web www.clasicaalvaropino.com, onde se irán abrindo paulatinamente, de 100 en 100, sendo as primeiras 100 as que teñan un custo menor, e así sucesivamente coas seguintes quendas.

 

Desde a organización da proba tamén aproveitaron o acto para mostrar o seu agradecemento polo apoio prestado por Grupo Sestelo e Axa José Alfaya -patrocinadores principais da marcha-, o Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Ciclismo, GDR Condado Paradanta, Rodosa, Darlim, Gadis, Augas de Mondariz, Bicimecánica, Ferretería Barral, así como a numerosos comercios locais, que a pesar dos complicados tempos seguen apostando por este deporte e permitindo que se poidan levar a cabo probas como esta.

 

Percorrido

Trátase dun percorrido de 110 quilómetros, con saída (9:30 horas) e chegada a Ponteareas, cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, pero tentando reagrupar aos corredores nos avituallamientos da Cañiza e Covelo tentando así evitar a dispersión. A marcha pasará por 7 concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña -Piñeiro, Moncelos e Luneda- sendo este último cronometrado.