O concello de Ponteareas e a Subdelegación de Goberno en Pontevedra reúnense para deseñar o dispositivo de seguridade das festas do Corpus Christi 2017

Dende o posto de mando avanzado coordinaránse as labores de Seguridade Cidadá
O equipo de goberno e as forzas de seguridade seguirán a insistir nos esforzos en prevención

O Alcalde de Ponteareas e a Concelleira de Seguridade Cidadá recibiron no concello á Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortíz, para manter unha reunión con motivo do dispositivo de seguridade que se habilitará durante a celebración das festas do Corpus Christi de Ponteareas. Neste encontro participaron, ademais, José Félix López, secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, responsables da Garda Civil, a Policía Autonómica, Policía Local, Protección Civil e Bombeiros de Ponteareas.
Ao igual que o ano pasado AXEGA coordinará dende o posto de mando avanzado (PMA) as actuacións en materia de seguridade ante a previsión dunha masiva afluencia de público. No operativo participan ademais Cruz Roja, voluntarios e equipos médicos.
Para a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, “é imprescindible a óptima coordinación de tódalas forzas de seguridade locais coas comarcais, provinciais e autonómicas xa que as festas do Corpus Christi implica a afluencia de milleiros de persoas e está nas nosas mans que todos e todas os asistentes poidan gozar dunha noite de lecer e tradición sen sobresaltos”.
Fernández propuxo durante o encontro a proibición da circulación e estacionamento de veículos de masa máxima autorizada superior a 3,5 toneladas no casco urbano, agás carga e descarga ou zonas habilitadas para a subida e baixada de viaxeiros, dende as 16:00 horas do sábado 17 de xuño ata as 16:00 horas do domingo 18 de xuño. O estacionamento de autobuses destinados ao transporte de viaxeiros permitirase nos andéis da estación de autobuses previa solicitude e autorización así como no estacionamento próximo ao complexo deportivo Álvaro Pino.
Ademais, no decorrer desta reunión tratáronse temas como a redución no número de incidencias penais e delitos contra o patrimonio nos últimos doce meses.
Así mesmo, abordáronse cuestións relativas ás actuacións en materia de violencia de xénero e a aplicación de campañas específicas de concienciación dende as idades máis temperás.
“Entre as nosas prioridades de seguridade cidadá está a prevención como base para evitar futuros problemas e garantir a boa convivencia entre a veciñanza. Neste último ano as estadísticas devólvennos cifras alentadoras que constatan que o esforzo en prevención por parte de todos, Garda Civil, Policía Autonómia e Policía Local imprescindible pero aínda é preciso seguir traballando de xeito constante”, explica Xosé Represas, Alcalde de Ponteareas.