O concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra asinan o convenio para a mellora do Castelo do Sobroso

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá un convenio de colaboración co alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, mediante o cal a institución provincial achegará preto de 384.000 € para conservar e manter o Castelo de Sobroso. Este convenio, xunto ás actuacións que a Deputación vai realizar este verán no Bosque Atlántico do recinto, suporán un investimento total de 524.000 € durante o 2017.

Carmela Silva asegurou que a través deste convenio, por valor de 383.822,53 €, “pretendemos levar a cabo obras de conservación e mantemento, tanto no que se refire á limpeza como á reparación da edificación, a renovación da iluminación, das instalacións e carpinterías de madeira, así como todas aquelas obras complementarias precisas para que o recinto se atope en perfectas condicións e poder levar a cabo a musealización no 2018”.

A sinatura do convenio, segundo declarou a Presidenta Provincial, “tiña que ser un acto especial, no propio Castelo de Sobroso, como manifestación do noso compromiso co mesmo e a nosa vontade de convertelo nun centro de atracción turística, cheo de contido e vertebrado arredor da cultura e da natureza”. Por ese motivo, no transcurso do acto tivo lugar unha representación teatral, a cargo de Troula Animación, protagonizada por Dona Urraca, unha das figuras históricas vencelladas ao Castelo de Sobroso.

As obras de conservación e mantemento que se van realizar neste recinto histórico, segundo adiantou Silva, son previas ao proxecto de musealización a través do cal se vai converter o Castelo de Sobroso nun centro cultural e natural que permitirá aos visitantes coñecer a historia do recinto pero tamén o Bosque Atlántico que se atopa ao seu carón. Ao respecto, a Presidenta da Deputación asegurou que “estamos a traballar xa na mellora do Bosque Atlántico, naturalizando o entorno forestal dos xardíns do recinto a través da retirada de especies invasoras, sobre todo acacias, e tamén estamos a executar unha senda circular que permitirá dar a coñecer as especies arbóreas que se atopan nel”.

A senda circular polo Bosque Atlántico, cun orzamento que ascende aos 118.000 €, incluirá seis paneis tecnolóxicos con contidos en inglés, castelán e galego elaborados por especialistas no coñecemento do Bosque Atlántico, integrado por especies como os carballos, castiñeiros, sobreiras, camelias, cipreses e árbores froiteiras.
Pola súa banda, o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, destacou a importancia da colaboración entre a Deputación e o Concello e agradeceu á Presidenta a súa presenza e apoio. Represas asegurou que “o Castelo do Sobroso é un elemento patrimonial emblemático non só do noso Concello senón tamén de toda a comarca e mesmo da provincia e o seu entorno, ademais, posúe un gran valor natural polo que supón un atractivo turístico no que paga a pena investir tódolos esforzos”.