O Concello de Ponteareas e Amigos da Terra presentarán o Servizo de Voluntariado Europeo á mocidade e entidades

O vindeiro mércores 5 de outubro ás 19.00 horas na Biblioteca Municipal terá lugar unha charla sobre o programa europeo

 

2016_cartel_SVE Ponteareas

“É tarefa da Concellaría de Mocidade ofrecer oportunidades de desenvolvemento persoal e mesmo profesional á xente nova de Ponteareas, como é o caso do Servizo de Voluntariado Europeo (SVE)”, indica a concelleira Verónica Carrera.

Amigos da Terra comeza un proxecto de promoción do  Servizo de Voluntariado Europeo (SVE). Esta charla non só está orientada a presentar este tipo de voluntariado á xente nova se non que tamén pretende difundir este programa entre asociacións (xuvenís, culturais, de veciños), centros de ensino, concellos, fundacións ou ONG, que poden participar como entidades de envío, acollida e/ou coordinadoras.

Este voluntariado, a pesar de non ser remunerado e sen ánimo de lucro, está apoiado financeiramente polo programa Eramus +, de maneira que a persoa voluntaria ten cuberto o aloxamento, a manutención, a viaxe, -visado se fose necesario- e o seguro médico, ademais de recibir mensualmente unha pequena cantidade de diñeiro, que variará dependendo do país de destino. Tamén contará con apoio lingüístico de ser preciso. A súa duración pode ir de 2 a 12 meses, colaborando a tempo completo en proxectos que poden ser de carácter social (infancia, xuventude, persoas maiores), artístico, cultural, vinculados ao patrimonio ou medio ambiente, entre outros.

Flyer_SVE_2600

Porén, a pesar das innumerables vantaxes que teñen este tipo de programas, son practicamente descoñecidos tanto entre a mocidade como entre as entidades, xa que en Galicia apenas existen organizacións tanto de envío como de acollida.

Polo tanto, a través do programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Amigos da Terra, unha asociación con máis de 16 anos de experiencia na xestión deste tipo de voluntariado, vai levar a cabo unha presentación do programa. O obxectivo non é só difundir o SVE e as súas vantaxes entre a mocidade galega, se non intentar que se sumen máis entidades para enviar e acoller voluntariado de outras nacionalidades asesorando a aquelas que se queiran iniciar neste tipo de programas.

Nesta charla participará o coordinador do SVE de Amigos da Terra, Angel Dorrio, que levará a cabo un primeiro achegamento ao SVE, as súas vantaxes, os requisitos de participación, a duración, as actividades que se poden levar a cabo e as condicións de financiamento. Tamén se contará ca testemuña de Kelli Goris, de Holanda, que achegará a súa vivencia como voluntaria na asociación. Nesta xornada tamén se resolverán todas as dúbidas das persoas asistentes sobre este programa.