O Concello de Ponteareas deu inicio este martes ás diferentes escolas deportivas que se desenvolverán ao longo do mes de agosto e que comprenderán varios deportes como baloncesto, fútbol sala, patinaxe, tai chi, tenis, bádminton, billar, xadrez, wu shu e atletismo, coa finalidade de ofrecer unha ampla gama de actividades deportivas nas que os nenos e rapaces poidan practicar ou descubrir certos deportes que, ás veces, son pouco coñecidos.
O edil de Deportes, Benito Márquez, comprobou de primeira man o desenvolvemento destas actividades e amosouse moi satisfeito pola aceptación que tiveron estas escolas gratuítas entre a cidadanía, converténdose esta iniciativa nun gran éxito de inscrición. Así mesmo, valora moi positivamente que actividades deportivas que teñen pouca visibilidade, como o billar ou o atletismo, fosen moi solicitadas. Estas actividades, conclúe, non se poderían levar a cabo sen a colaboración desinteresada das asociacións e clubs deportivos implicados, aos cales lles quere agradecer a colaboración e disposición para lograr que estas escolas deportivas sexan un éxito, así como agarda seguir traballando xuntos nun futuro próximo.