O Concello de Ponteareas dálle os parabéns a Sergio de Arcos polo seu terceiro premio no Certame Xuventude Crea 2021

O Concello de Ponteareas dálle os parabéns a Sergio de Arcos polo seu terceiro premio no Certame Xuventude Crea 2021O ponteareán acadou o galardón na modalidade de banda deseñada grazas á súa obra ‘O xermolo da roseira’

 

O Concello de Ponteareas, a través do concelleiro de Cultura, Fernando Groba, quere felicitar ao artista pontareán Sergio de Arcos que por segundo ano consecutivo fíxose co terceiro premio na modalidade de banda deseñada no Certame Xuventude Crea 2021, que busca a visibilización do talento e da creatividade da mocidade galega. De Arcos gañou este galardón dotado con 1.000 euros polo seu traballo ‘O xermolo da roseira’, no que o xurado valorou a orixinalidade da historia e as ilustracións en canto á relación co texto, a novidade do debuxo e a calidade artística.

 

Na súa obra, o artista trata o duelo de Atilio, un vello sepultureiro amargado pola viuvez que lle prega aos defuntos que lle transmitan unha mensaxe de amor á súa esposa finada no Máis Alá. A outra protagonista é a admirada e extrovertida Parca, que está a piques de xubilarse e ha de buscar a unha persoa digna de sucedela para que o curso da vida e a morte siga de forma natural. Os seus camiños crúzanse no momento no que a Parca considera a Atilio como o candidato perfecto para ser o novo emisario da morte.

 

“Para nós é un orgullo ter en Ponteareas grandes debuxantes e creadores do talle de Sergio de Arcos, polo que non podemos máis que transmitirlle os nosos parabéns e desexarlle moita sorte no seu futuro profesional e artístico. Agardamos que sirva de exemplo para animar a veciñanza a continuar aumentando o legado da banda deseñada na vila”, salientou o edil.

 

O artista ponteareán xa gañou o pasado mes de agosto o premio fin de curso da escola O Garaxe Hermético polo seu manga ‘Mental Process: Trust’, escrita polo guionista Sam, compañeiro do Garaxe Hermético, e que impresionou ao xurado polo seu coidado debuxo e historia. Con estes premios, De Arcos súmase así ao gran grupo de artistas de éxito desta especialidade en Ponteareas, como Pablo Prado e Anémona de Río.