O Concello de Ponteareas convoca a entidades sociais, veciñais, culturais e deportivas a unha xuntanza para tratar sobre regulamento de participación

A reunión será o vindeiro 9 de novembro ás 20.00 horas no salón de plenos, á que tamén están convocadas as forzas políticas

O documento, que foi enviado ás entidades do tecido asociativo ponteareán a primeiros de setembro, ten o consenso de todas as forzas políticas con representación na Corporación Municipal, pois xa se leva traballado no regulamento nunha comisión desde que fora presentado en Pleno por EU, e que figura como un dos compromisos do pacto de goberno de BNG, PSOE e ARDT.

O fin desta xuntanza, despois de rematado o prazo para presentar achegas ou modificacións ao texto por parte das entidades sociais, é debater e acordar a redacción definitiva do Regulamento antes de que sexa presentado a Pleno para a súa aprobación pola Corporación Municipal.

 

“Con este regulamento intentamos que a participación tanto individual coma colectiva camiñe cara o recoñecemento pleno dos veciños e das veciñas coma suxeitos de dereitos e non simples beneficiarios e beneficiarias de prestacións e servizos”, explica a concelleira de Participación Cidadá, Cristina Fernández.

O Concello de Ponteareas, coa aprobación do regulamento, favorecerá, impulsará e dinamizará o dereito á información, de petición e proposta, de consulta e de iniciativa cidadá, o dereito a ser escoitado/a e o de intervir nos plenos municipais e noutros órganos creados para tal efecto. Pretende recompilar, completar e garantir o exercicio dos dereitos que a normativa lle recoñece á cidadanía na súa relación coa Administración local.