O Concello de Ponteareas convida á cidadanía a participar na Xincana Medioambiental de Orientación

A actividade realizarase o 19 de xullo nas sendas e camiños do Parque Forestal da Picaraña

Tratarase dunha actividade de balde, apta para tódolos públicos.

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, convida a toda a cidadanía a participar na Xincana Medioambiental de Orientación que terá lugar o vindeiro domingo 19 de xullo.

A Xincana Medioambiental de Orientación levará aos participantes pola contorna do Parque Forestal da Picaraña, para desenvolver unha actividade cun tempo máximo de duración de 2 horas, e que contará con tres categorías distintas, en función das características das persoas ou grupos inscritos. Coa axuda dun mapa, deberán visitar unha serie de puntos de control, onde ademais deberán superar algunhas probas de coñecementos, memoria, lóxica, etc, para lograr o maior número de puntos no tempo establecido. Estas probas na xincana teñen unha base medioambiental e contribuirá ao coñecemento do patrimonio natural, histórico e arquitectónico pero tamén permitirá descubrir recunchos singulares.

A inscrición débese facer online na web (xestanatureza.com) ata o vindeiro xoves 16/07 ás 22.00 h, e poderase facer de xeito individual ou en grupo (equipos). Existirán 3 categorías diferentes: iniciación para nenas/os, se son menores de 9 anos deberán ir acompañados de un adulto, cunha distancia máxima en torno aos 4kms, adultos ou nenas/os con maior dificultade física e técnica, e cunha distancia máxima en torno aos 8kms, e por último a categoría só pensada para persoas con altos coñecementos en orientación, cunha distancia máxima en torno aos 10 Qms.

A proba dará comezo ás 10.00 h, no parque do monte da Picaraña, e para cumprir os protocolos de seguridade fronte ao COVID-19 facilitarase toda a información previa á carreira a calquera persoa que o desexe, así como a copia que toda persoa inscrita recibirá. Estableceranse saídas graduais por categorías (entre 3 e 5 minutos por grupo), distancia social obrigatoria, obrigatoriedade no uso da máscara antes e despois da actividade, uso de xeles hidroalcohólicos, non impresión de tempos en papel e avituallamentos líquidos individuais e hixienizados, entre outras medidas.

Rosa Covelo adianta que se trata dunha actividade apta para todas as idades e fai extensivo o convite ás familias que poden participar como equipo.