O Concello de Ponteareas concede axudas por 50.000 euros a casas e centros culturais

O concelleiro de Cultura destaca a importancia de colaborar coas entidades culturais neste momento de crise

O Concello de Ponteareas deu a coñecer hoxe a resolución das axudas de apoio concedidas á actvidade realizada polas casas e centros culturais de Ponteareas. As axudas, outorgadas a 21 casas ou centros culturais, suman un total de 50 000 euros. As cantidades para cada colectivo van dende os 1350 ata os 4300 euros.

 

O concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba, destacou a importancia destas axudas nun dos momento máis complicados para os centros e casas culturais por mor da crise sanitaria da Covid-19. “Dende o Concello queremos recoñecer o enorme esforzo realizado polos distintos colectivos culturais, sempre pero máis agora nunha situación tan complexa para todas e todos” manifestou Groba.

 

Con estas axudas, o Concello colabora para manter a actividade e os gastos de funcionamento e mantemento das casas e centros culturais de cada unha das parroquias do municipio.

 

As cantidades asignadas pola comisión de avaliación foron realizadas consoante os criterios fixados nas bases da convocatoria en que se tivo en conta, entre outros, o número de actividades programadas ou o número de persoas asociadas.