O Concello de Ponteareas concede ás traídas veciñais de auga 150.000 euros en axudas

O Concello de Ponteareas concedeu esta semana 150.000 euros en axudas ás traídas veciñais da localidade. Así o anunciou o Alcalde Xosé Represas quen salientou a importancia destes colectivos “que se encargan desinteresadamente de asegurar un servizo básico e de calidade para a poboación”.

Represas lembrou que “é a primeira vez que o Concello convoca subvencións de forma transparente e equitativa para as traidas veciñais. Atrás quedaron os tempos de mendigar axudas no despacho do alcalde. Con este goberno esas axudas son unha obriga para o Concello e un dereito para os veciños, porque se trata da atender un servizo básico e prioritario”.

O alcalde explicou que “as axudas outórganse cos fondos propios do Concello e son posibles por vez primeira neste ano grazas a que saneamos economicamente a administración. Por iso van ter continuidade e a comezos do vindeiro ano realizarase unha nova convocatoria de subvencións novamente por importe de 150.000 euros, que se manterá todos os anos coa previsión de incrementar paulatinamente esa contía”.

Un total de 18 comunidades de 14 parroquias son as beneficiarias deste reparto co cal se cubre entre o 50% e o 80% do investimento realizado polas traídas nas súas parroquias. 

O Alcalde salientou que o goberno abríu unha nova etapa de colaboración e traballo conxunto coas traidas veciñais. “Nestes catro anos sacamos ao concello da ruina económica e agora, por fin, xa podemos destinar os cartos de forma prioritaria aos servizos fundamentais como abastecemento de auga ou o saneamento”, recalcou Represas.