O Concello de Ponteareas comeza o ciclo “Venres D_letras”

Unha vez ao mes, escritores galegos presentarán as súas novidades editoriais no Salón de Plenos

Diego Giráldez_Por JANITE

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, coordinada por Hortensia Bautista, vén de pór en marcha un novo ciclo denominado de xeito xenérico “Venres D_letras”, no que van participar unha serie de escritores e escritoras galegos presentando na localidade as súas novidades editoriais. Este ciclo terá continuidade o segundo venres de cada mes, a partir das 20:30 horas no Salón de Plenos do Concello, dándolle cabida tanto a autores consagrados como aos novos valores da nosa literatura.

Dende a Concellería de Cultura trátase, desta maneira, de darlle visibilidade aos escritores galegos contemporáneos, así como ofrecer aos ponteareáns unha visión global da actualidade editorial que se está a desenvolver en Galicia.

Para inaugurar este ciclo contaremos coa presenza do escritor porriñés Diego Giráldez, que vai presentar o seu libro de relatos “Galería de saldos”, publicado o pasado mes de xuño e considerado por algúns críticos como unha das revelacións literarias do ano polo seu estilo e o tratamento dos temas. Está integrado por 28 relatos curtos nos que as vidas dos personaxes se mesturan con reproducións “baratas” de obras de arte coñecidas, e supón un paseo por cuestións moi apegadas á actualidade coas que calquera se pode sentir identificado. O escritor estará acompañado do xornalista e tamén escritor Manrique Fernández, coordinador do ciclo.

Nos vindeiros meses contaremos tamén coa presenza de  Xosé Monteagudo, que presentará a súa novela “Todo canto fomos”; con Inma López Silva, que nos trae “Aqueles días en que eramos malas”; con Ledicia Costas, que traerá a Ponteareas “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”; ou con Xoan Carnero co título “Conflictos na raia do Baixo Miño (1640 – 1668)”.