O Concello de Ponteareas aproba unha ordenanza fiscal para o comercio máis xusta e equitativa

 

Regulará a taxa de apertura e actividade dos establecementos, que pasará a basearse no tamaño dos locais, e establecerá unha tarifa fixa para o cambio de titularidade das actividades xa existentes

 

O pleno tamén amosou o seu apoio ás demandas feitas dende as plataformas para por fin á precaria situación sanitaria no municipio e aprobou a revisión das tarifas urbanas de taxi

 

O Concello de Ponteareas aprobou inicialmente en pleno a nova ordenanza fiscal reguladora da taxa de apertura de establecementos e de licencias de actividade, un novo regulamento que establecera unhas tarifas “máis xustas e equitativas” ao tempo que permitirá actualizar e modernizar os procedementos vixentes dando resposta ás necesidades presentadas polo comercio local ponteareán. Tras analizar as ordenanzas en vigor, fíxose un estudo “para buscar alternativas que aporten transparencia aos cálculos de custes de tramitación e baseadas en factores máis coherentes”, como salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

Deste xeito, mentres que as regulacións vixentes tomaban o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) como referencia para calcular a taxa de apertura, a nova ordenanza basearase nos metros cadrados que terá o establecemento, sexa construído ou a ceo aberto, e diferenciando unicamente entre actividades que necesitan informe de impacto ambiental ou non. Tras a aprobación da ordenanza, os locais de ata 50 metros que non precisen avaliación ambiental pagarán unha taxa de 300 euros, aos que se sumará un euro por cada metro a maiores. Por contra, as actividades que deban ir acompañadas de informe de impacto ambiental pagarán 600€ ata os 50 m e un euro por cada metro a partir dese espazo.

 

O Goberno local tamén detectara nas dúas ordenanzas que actualmente regulan estas cuestións “un agravio no cambio de titularidade de licencias de actividades vixentes, supoñendo un custe para o novo titular moi similar ao dunha nova solicitude”. Para reparalo o novo regulamento contempla unha tarifa plana de 150 euros, común para o cambio de titularidade de todas as licenzas en vigor, independentemente da actividade e dos metros do establecemento.

 

“Con esta nova ordenanza poñemos fin a un regulamento desfasado que está prexudicando ao comercio local de Ponteareas e poñemos en marcha unha política fiscal non só cunha redistribución máis xusta, senón tamén máis transparente e accesíbel”, recalca a rexedora. Tras a aprobación inicial en pleno con 11 votos a favor e 9 abstencións, a normativa pasará a exposición pública durante 30 días tras a súa publicación no BOPPO, tempo no que se poderán presentar correccións e suxestións.

 

Con esta medida Ponteareas dá un paso máis para cumprir os requisitos marcados pola rede galega de Concellos Emprendedores á que está adherido o municipio dende 2020 e que traballa para unha maior simplificación administrativa, dar máis facilidades de acceso industrial e máis incentivos fiscais para favorecer o acceso ao solo empresarial.  

 

Por outra banda, o Concello apoiou de forma unánime á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado Paradanta e a SOS Sanidade Pública na súa demanda de solucións para salvar o servizo de atención primaria. Cristina Fernández Davila recordou que “a situación sanitaria no noso municipio é insostible. Temos a 9.000 persoas sen médico ou médica de familia asignado que non poden solicitar cita por internet, non son atendidos no centro de saúde telefonicamente e que deben decidir por si mesmos se a doenza que padecen require unha visita a urxencias ou deben esperar tres ou catro semanas para unha receita ou unha consulta cun facultativo ou facultativa cada vez diferente”.

 

Unha situación de precariedade cada vez máis agudizada, xa que nestes intres tampouco se está a substituír ao persoal de baixa ou permiso do PAC,  un servizo de urxencias que atende a máis de 50.000 persoas de Ponteareas e da comarca. “Temos os mellores facultativos e facultativas, pero están sobrecargados e mal retribuídos”, salienta.

 

Ante esta situación, o pleno aprobou instar á Consellaría de Sanidade a implantar de forma inmediata unha atención primaria digna con profesionais suficientes para atender ás persoas doentes; a implantar unha actividade hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía; a adoptar medidas estruturais para unha contratación digna que permita ofertar unha atención sanitaria de calidade; acabar coa precariedade laboral cun plan de mellora da atención primaria que redimensione os equipos multidisciplinares e a desenvolver instrumentos participación cidadá na sanidade para que a cidadanía exprese as súas necesidades.

 

Ademais, o Goberno municipal aprobou en pleno con 14 votos a favor e 5 abstencións o apoio á manifestación que se celebrará o vindeiro 12 de maio en Vigo baixo o lema ‘Salvemos a Atención Primaria. Recuperemos a sanidade pública’.

 

Entre outros asuntos, o pleno tamén deu luz verde por unanimidade á revisión e modificación das tarifas urbanas de taxi do concello de Ponteareas, unha medida solicitada polo propio colectivo e busca actualizar os prezos para “permitir unha razoable explotación do servizo, unha adecuada renovación da flota e prestar un servizo de calidade aos usuarios e usuarias”. Esta modificación reducirá o metros percorridos na percepción mínima, que pasará dos 1.500 actuais a 1.400, quedando conxelados o resto dos conceptos da tarifa, polo que a repercusión na veciñanza será mínima.