O Concello de Ponteareas aproba modificacións orzamentarias por valor de case 400.000 euros

As modificacións permitirán poñer ao día o orzamento municipal dende o punto de vista contable e facer fronte a diversas obrigas de pago

Q55A0099A sesión plenaria extraordinaria celebrada o pasado 30 de novembro serviu para que o Concello de Ponteareas aprobara, por unanimidade, unha modificación orzamentaria de 398. 329,11 euros que permitirá facer fronte a diversas obrigas de pagamento contraídas ao longo do ano e que non contaban con partida económica para contabilizalas.

A necesidade de levar a cabo esta mudanza, que “non suporá perturbación ningunha na prestación dos diferentes servizos municipais, vén dada por contar cun orzamento desfasado (vense prorrogando dende o ano 2010) que permita dispoñer dunha situación contable axustada á realidade”, tal e como asegurou o rexedor municipal, Xosé Represas.

A aprobación desta modificación posibilitará, entre outras cousas, que o persoal funcionario do Concello recupere parte da paga extraordinaria deixada de percibir no mes de decembro do ano 2012.

 

Anulación de obrigas recoñecidas

Outra das consecuencias de non contar cun presuposto actualizado e cunha situación contable que non reflexa a realidade económiva do concello ten que ver coa necesidade de anular obrigas de pago contraídas en exercicios pasados, aínda presentes na contabilidade, e que xa non existen. Este é o caso de determinados pagamentos que tiñan como acredor á Deputación de Pontevedra correspondentes aos exercicios de 2005, 2008 e 2010. Tales obrigas, que ascenden a máis de 197.000 euros, non se atopan contempladas na documentación facilitada polo propio organismo provincial ao Concello de Ponteareas, polo que o goberno local presentou a proposta de anulación das mesmas, a cal foi aprobada por unanimidade.

 

Incoación expediente de prescrición

Nesa mesma liña foi presentada a proposta do goberno municipal para aprobar a incoación dun expediente colectivo de prescrición de obrigacións pendentes de pago por valor de máis de 200.000 euros. Estas débedas extinguíronse, pois os acredores carecen de soporte documental xustificativo das mesmas, e son, de novo, froito “do descontrol dunhas contas que levan demasiado tempo sen reflectir a realidade económica do Concello”, sinalou o alcalde, Xosé Represas. A proposta do goberno foi aprobada por maioría.

 

Agrupación de Voluntarios de Protección Civil

A corporación ponteareá tamén aprobou por maioría a constitución dunha Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil, así como a normativa que regulará o seu funcionamento. Até o de agora, nesta materia só existía un convenio de colaboración asinado no ano 1997 entre o Concello de Ponteareas e a Asociación “Villa del Corpus”.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, explicou que con esta medida “será posible adaptar á realidade social actual e á lexislación vixente o marco no que as persoas voluntarias desenvolven a súa actividade. Facendo deste un servizo municipal melloraremos as condicións nas que prestan este servizo, pois contaremos cunha partida orzamentaria que permita dotalos de máis e mellores medios”.

O regulamento foi elaborado dende a concellería e mellorado coas propostas da propia asociación “Villa del Corpus” e do grupo municipal EU-Son. Fernández agradeceu “enormemente o traballo desinteresado das persoas que forman este colectivo, coas que esperamos seguir contando dende agora na agrupación municipal”.