O Concello de Ponteareas anima o ciclista Borja Gómez antes do seu debut na competición internacional en Bélxica

O deportista converterase no primeiro español con diversidade que participa nas prestixiosas carreiras de Sint- Niklaas e Oostmalle

 

O Concello de Ponteareas a través da súa alcaldesa, Cristina Fernández, e do seu concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere mandar “todo o noso alento e ánimo” ao ciclista Borja Gómez antes do seu debut na competición internacional de ciclocross. O deportista participará este sábado na categoría de G- Sport, adicada a persoas con diversidade, converténdose así no primeiro español que participa nas prestixiosas carreiras de Sint- Niklaas e Oostmalle.

 

Borja Gómez non estará só en Bélxica. Na súa primeira aventura internacional contará coa presenza e o apoio incondicional do seu pai Calis, o seu acompañante en todas as competicións e aventuras, o seu adestrador do Club Ciclista Ponteareas, Xacob Agra, e o seu preparador físico, Guillermo Carballido. Miguel Bouzó tamén dá os parabéns ao Club pola súa labor, xa que Borja Gómez pode realizar esta viaxe “grazas ao seu apoio e a súa axuda”. 

 

Borja Gómez só quere ser como os demais e ter as mesmas oportunidades de poder participar en probas deportivas. Leva dende os seis anos subido na bicicleta e pelexando para poder competir algún día. Actualmente pertence ao Club Ciclista Ponteareas e forma parte da Selección Galega de Ciclismo. Unha das súas maiores alegrías é que o club ao que pertence se chame agora Club Ciclista Ponteareas –  Escola Borja Gómez Méndez. 

 

O concelleiro aproveita “para dar os nosos máis grandes parabéns a Borja Gómez e ao Club Ciclista Ponteareas polo seus éxitos e labor diario”, e indica que co seu traballo e a súa perseveranza “continúan escribindo a gran historia do deporte no noso Concello, fogar de tres campións de La Vuelta a España: Delio Rodríguez (1945), Emilio Rodríguez (1950) e Álvaro Pino (1986)”.

 

Bouzó animou á veciñanza a “recompensar co noso apoio a súa entrega e o eu esforzo, seguindo as probas nas que competirá Borja”. Neste caso, retransmitiranse en directo a través de internet, a de Sint-Niklaas a través da ligazón https://ethiascross.be/live-streaming/ e o de Oostmalle en https://www2.telenet.be/residential/nl

 

Un referente do ciclismo galego

 

O ponteareán Borja Gómez enche de orgullo ao ciclismo galego como modelo a seguir da integración no deporte das persoas con capacidades diferentes. El é moito máis que un exemplo a seguir. A súa constancia, actitude e alegría leva derrubando barreiras, desde que, co apoio incondicional do seu pai Calis, decidiu competir no calendario autonómico. 

 

A súa presenza no Campionato de España de Ciclocrós 2018 sendo representante da selección de Galicia provocou un ‘boom’ mediático, que serviu, entre outras moitas cousas, para que nos estatais de ciclocrós celebrados no 2020 en Pontevedra se incluíse por primeira vez unha carreira inclusiva no programa dun Campionato de España. 

 

“Borja é un emblema da Selección”, definíao Guillermo Sande, o seleccionador galego xa falecido. Borja abriu un camiño para as persoas con capacidades diferentes e desde a Federación Galega de Ciclismo reclaman que se continúe traballando e apostando pola igualdade de oportunidades no deporte e en todos os ámbitos da vida.