O Concello dá o seu apoio á manifestación do vindeiro 12 de maio en defensa da sanidade pública

 

O servizo de atención primaria na vila e na comarca atópase nunha situación de precariedade cada vez máis agudizada

 

O Concello dá o seu apoio á manifestación do vindeiro 12 de maio en defensa da sanidade públicaComo xa se recolleu na última sesión plenaria, o Concello de Ponteareas traslada o seu total apoio á manifestación que se celebrará o vindeiro 12 de maio ás 20.00 h en Vigo baixo o lema ‘Salvemos a Atención Primaria. Recuperemos a sanidade pública’, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta e as outras 16 plataformas en defensa da sanidade pública da Área Sanitaria de Vigo.

 

A situación da atención primaria na vila e na comarca “é insostíbel”, con 9.000 persoas sen médico ou médica de familia asignada, “sen poder pedir cita, que non son atendidos telefonicamente e que deben decidir por si mesmos se a doenza que padecen require unha visita a urxencias ou se deben esperar tres ou catro semanas para unha receita ou unha consulta cun facultativo ou facultativa que cambia cada vez”.

 

O Concello anima a toda a veciñanza a participar nesta manifestación e amosar así o seu malestar cunha situación de precariedade cada vez máis agudizada, xa que nestes intres tampouco se está a substituír o persoal de baixo ou de permiso no PAC, un servizo de urxencias que atende a máis de 50.000 persoas de Ponteareas e da comarca.

 

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta pon a disposición da veciñanza autobuses para poder asistir á manifestación que sairán de diferentes puntos da comarca cun prezo de 5 euros, ou de balde para persoas desempregadas ou estudantado. É preciso reservar praza.