Impartida polos mestres composteiros David Alves Mestre e Manuel Gómez o mañá xoves 10 ás 19.30 horas no Salón de Plenos
O Concello de Ponteareas participa no Programa Revitaliza de Compostaxe Comunitaria promovido pola Deputación de Pontevedra. A Directiva 2008/98/CE establece que antes do 2020, haberá que reciclar o 50% das fraccións de reciclaxe procedentes dos residuos domésticos.
A fracción orgánica é un recurso que constitúe case o 50% en peso do lixo que xeramos diariamente nas nosas casas. Ao compostar localmente os nosos restos orgánicos transformamos un residuo nun abono orgánico – o compost- bo para a terra, achegándonos ao obxectivo de reciclaxe marcado pola Unión Europea.
Para participar neste programa, só é preciso cubrir unha folla de compromiso, dispoñible en dependencias municipais e na web do Concello. Este folla servirá para levar un seguimento e estimación do compost a xerar. Tras este pequeno trámite, xa as veciñas e veciños poderán levar os restos orgánicos ao composteiro comunitario.
“Convidamos a toda a veciñanza a informarse sobre a compostaxe comunitaria. Desde o Concello, co Plan Revitaliza, apostamos por esta vía como maneira máis ecolóxica e cómoda de tratamento dos residuos”, indica o alcalde Xosé Represas, responsable tamén da área de Medio Ambiente.