O Concello convoca a todas as partes implicadas a unha reunión sobre o Paseo Matutino

O encontro terá lugar o venres, 6 de novembro, ás 20:30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello

O Concello de Ponteareas vén de convocar a todos os veciños e veciñas da Rúa Paseo Matutino, así como aos comerciantes e hostaleiros, a unha reunión informativa sobre o proxecto de reforma de beirarrúas desta rúa. Na reunión, ademais do goberno local, participará a arquitecta municipal, o arquitecto redactor do proxecto, o anterior alcalde e o resto dos portavoces de todos os grupos da corporación.

Como xa se explicou nunha reunión anterior, e tamén nos medios de comunicación, o Concello de Ponteareas viuse obrigado a anular a execución da obra de reforma de beirarrúas no Paseo Matutino en base aos informes urbanísticos e xurídicos que advertiron da imposibilidade material e legal de realizar a devandita obra.

O proxecto desta obra proxectada polo anterior goberno, como indica a memoria técnica, consiste en completar a rede de beirarrúas do Paseo Matutino no tramo comprendido entre rúa Castañal e rúa Lamazáns, sen ningunha actuación en ningunha das rúas que parten do Paseo Matutino e deixando no estado actual os tramos inicial e final da rúa.

O goberno municipal comparte a necesidade de humanizar esta rúa pero a incorrecta xestión do proxecto realizada polo anterior goberno non permite a execución da actuación proxectada ata a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación (PXOM), unha imposibilidade que xa era coñecida polo anterior goberno o 5 de febreiro de 2015, e que foi a que motivou que os informes técnicos impediran a súa contratación naquel momento por parte do anterior alcalde.

A fin de dar todas as explicacións e aclaracións sobre este problema e sobre os compromisos do goberno local cos veciños e veciñas da rúa Paseo Matutino, convócase unha reunión aberta que se celebrará o vindeiro venres 6 de novembro ás 20:30 horas no salón de plenos da casa do concello.