O Concello continúa co labor de orientación laboral para mozas e mozos de Ponteareas e da comarca

O Concello continúa co labor de orientación laboral para mozas e mozos de Ponteareas e da comarca

 

Dende a Concellaría de Formación e Emprego saliéntase o traballo da Orientadora Laboral no futuro profesional da mocidade ponteareá

 

O Concello continúa co seu labor de orientación laboral para as mozas e mozos de Ponteareas e da comarca. Ao longo de todo este ano, o Departamento de Orientación Laboral, dependente da concellaría de Emprego e Formación dirixida por Vanesa Fernández, levou a cabo charlas de Asesoramento Vocacional e Formativo a estudantes en diferentes centros de ensino do Condado.

 

A última destas charlas foi en EFA A Cancela, en As Neves, onde a orientadora laboral Isabel Illán centrouse fundamentalmente en informar ao alumnado do ciclo medio de Auxiliar de Enfermaría sobre as saídas laborais, tanto no sector público con convocatorias fixas e temporais nas diferentes administracións, como no privado dende as bolsas e prácticas dos primeiros empregos ata a busca de emprego específica no sector sanitario. Ademais, Illán explicoulles a formación non regulada que poden realizar como complemento aos seus estudos.

 

Para a concelleira estas charlas “son fundamentais para abrir o abano de posibilidades laborais aos rapaces e rapazas que son o noso presente e o noso futuro e que moitas veces precisan de alguén que os guíe nese camiño”. Fernández anima tamén a todas as persoas que o precisen a acudir ao Centro de Desenvolvemento Local e solicitar cita coa orientadora para coñecer a realidade laboral e as posibilidades ás que poder optar.