O Concello comeza a renovación das dúas plataformas elevadoras da praza de abastos de Ponteareas

O Concello comeza a renovación das dúas plataformas elevadoras da praza de abastos de Ponteareas

Con estas obras substituiranse os ascensores hidráulicos existentes, que presentaban importantes danos causados principalmente pola corrosión

Suporá un investimento de máis de 123.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023

O Concello vén de comezar as obras de renovación das dúas plataformas elevadoras da praza de abastos de Ponteareas, dous ascensores hidráulicos de uso exclusivo para transporte de mercadorías que van dende o soto ata as diferentes plantas e nos que na última revisión “detectamos unha serie de deficiencias tanto na propia plataforma como na estrutura de soporte, uns danos que foron causados principalmente pola corrosión e aos que agora poñemos solución”, explica a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil Solla.

Durante as vindeiras semanas, procederase á substitución dos actuais equipos elevadores por aparatos de transporte vertical que manterán o uso exclusivo de mercadorías e ocuparán o mesmo espazo existente no interior das instalacións do mercado. Os dous novos elementos disporán de paradas fixas e guías ríxidas, sen dispositivos de mando no seu interior e preparados para unha carga máxima de 750 kg cada unha.

As obras de renovación das plataformas contará cun investimento de máis de 123.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, destaca que “esta iniciativa forma parte do proxecto de renovación do interior da praza de abastos de Ponteareas, co que buscamos modernizar un edificio construído na década dos anos 70 que conta con tres plantas de uso comercial de máis de 1.200 metros cadrados cada unha”.