O Concello avanza cos trámites esixidos polo TSXG para a demolición do Eroski

O goberno lembra que só a aprobación do PXOM pola Xunta evitará un potencial prexuízo económico para o Concello

O goberno municipal aclarou que o recurso rexeitado polo TSXG nos últimos días en relación coa orde de demolición do hipermercado Eroski conleva que o Concello continue cos trámites para levar a cabo dita orde. O executivo explica que en outubro o TSXG esixíu ao Concello que iniciara os trámites dirixidos a garantir a demolición do Eroski no prazo dun ano, o goberno local interpuxo recurso pero iniciou ao mesmo tempo os trámites posto que o recurso non suspendía a obriga de tramitar a demolición. Por ese motivo o concello explica que o rexeitamento agora daquel recurso en nada modifica os trámites que se están desenvolvendo desde hai xa catro meses.

Trala orde do TSXG o alcalde ordeou aos servizos técnicos e xurídicos municipais que puxeran en marcha os trámites para dar cumprimento ao mandato do tribunal. A día de hoxe o Concello está realizando xa as xestións para contratar a redacion do proxecto de demolición e, unha vez redactado, deberá licitar as obras a executar.

O goberno está especialmente preocupado pois de levarse a cabo a demolición, a administración municipal podería enfrentarse a reclamacións económicas de enorme contía, xa que no ano 2002 o goberno presidido por Nava Castro concedeu a licenza de obra que despois, no ano 2008, foi anulada polos Tribunais tras constatarse a ilegalidade da licenza concedida.

A única posibilidade de evitar a demolición e os posibeis prexuizos económicos para o Concello pasa pola aprobación do PXOM, actualmente en mans da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. O goberno local agarda que en breve a administración autonómica dea o visto bo ao PXOM e “evitar así un gravísimo problema que outros gobernos anteriores crearon e que nós temos agora que xestionar e resolver”.

O goberno local lembra que existen en Ponteareas, en zonas como o polígono da Lomba, outras instalacións industriais e comerciais sobre as que pesan tamén ordes administrativas e xudiciais de demolición que só se poderán evitar a través da aprobación do PXOM.