O Concello anima os novos pais e nais a transmitir o galego co gallo do Día Internacional da Lingua Materna

O Concello anima aos novos pais e nais a transmitir o galego co gallo do Día Internacional da Lingua Materna

A Concellaría de Lingua organiza a vindeira semana unha nova sesión do programa Apego, que busca fomentar a transmisión xeracional e a creación de ámbitos de uso da lingua galega

Co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, o Concello de Ponteareas quere convidar os novos pais e nais a transmitir o galego ás novas xeracións dende o berce. A concellaría de Lingua, dirixida por Fernando Groba, convida a través dunha carta as familias a formar parte activa desa herdanza tan prezada, única e útil que posúen galegos e galegas: o seu idioma. “Como galegos e galegas, temos unha lingua propia que nos chegou, na inmensa maioría dos casos, a través das nosas nais e pais”, salienta o concelleiro.

Ademais, para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna, este ano o Concello de Ponteareas porá en marcha unha nova actividade dirixida especialmente a nenos e nenas e ás súas familias. Para que non coincida en plena celebración do Entroido, o vindeiro luns 27 de febreiro organizará unha nova sesión do programa Apego, que busca “fomentar o mantemento da transmisión xeracional e a creación de ámbitos de uso da lingua galega para nenos e nenas de 0 a 6 anos e nos que se fomenta o uso entre as familias”.

A actividade estará protagonizada por un contacontos sensorial destinado a bebés e persoas adultas acompañantes con ganas de compartir unha experiencia feliz da man das palabras, as emocións que as acompañan, as cancións, a lectura, os libros… “Todo acompañado de obxectos manipulábeis para chamara a atención deste público inquieto e, á vez, ávido de experimentar, de gozar, xunto aos seus seres queridos”, destaca Groba.

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase cada 21 de febreiro dende o ano 2002 co obxectivo de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.