O concello analiza o botellón desde o ámbito educativo e da saúde

 

 

 

 

 

 

 

Celebrados os dous encontros con centros de ensino, ANPAS e profesionais da saúde e da prevención de drogodependencias

Mañá venres ás 20:30 horas celebrarase un encontro coa veciñanza afectada pola problemática na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo

A comisión de análise do botellón mantivo no día de onte dous encontros dentro do proceso participativo posto en marcha para facer unha diagnose da problemática e elaborar un plan de medidas e actuacións. Por unha banda mantívose un encontro sobre saúde e drogodependencias con responsabeis do Centro de Saúde de Ponteareas e da asociación de prevención de drogodependencias AMAINA e por outra celebrouse unha reunión coa meirande parte dos centros educativos e ANPAS da localidade.

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, que coordina o proceso participativo, salientou como conclusións de ditos encontros a necesidade de implicar e concienciar aos pais e nais sobre a problemática que afecta especialmente a menores de idade. Nas reunións púxose de manifesto, ademais, a necesidade de crear alternativas de ocio nocturno para a xente máis nova que facilite outras formas de socialización dese sector da poboación mediante actividades culturais, deportivas ou de lecer que sexan do seu interese.

A comunidade educativa coincide en cualificar o botellón como un problema “serio”, no que segundo os datos oficiais se estima que participa un 30% da poboación entre 15 e 22 anos. Profesorado e ANPAS recoñeceron o seu papel fundamental en materia de prevención, valorándose positivamente a posibilidade de realizar un amplo inquérito e estudo nos centros de ensino sobre os hábitos, necesidades e motivacións dos adolescentes ponteareáns.

Pola súa banda, os reponsabeis do Centro de Saúde constataron que con frecuencia se atenden intoxicacións etílicas, pero cunha evolución descendente nos últimos anos e salientaron que é fundamental continuar e reforzar actuacións de prevención e concienciación dirixidas a adolescentes e tamén a pais e nais mediante charlas como as que desenvolve AMAINA en centros de ensino de Ponteareas. Os profesionais da saúde cren que hai unha baixa percepción do risco en relación co consumo de alcohol, tabaco e outras drogas tanto entre adolescentes como entre os pais e nais destes”.