O Concello advirte que denunciará a quen utilice os cans como excusa para pasear

Lémbrase que só se permite sacar as mascotas a facer as súas necesidades o tempo imprescindíbel e nas proximidades do domicilio

O Concello de Ponteareas advertíu que a Policía Local controlará a saída de persoas con cans á vía pública logo de detectarse que algúns propietarios de mascotas as utilizan como excusa para pasear incumprindo as normas do estado de alarma. O Concello lembra que unicamente se permite circular con mascotas o tempo imprescindíbel para que realicen as súas necesidades nas proximidades do domicilio e que en ningún caso se pode aproveitar esa posibilidade para circular paseando por diferentes lugares, algúns deles tan afastados como a ribeira do Tea ou o regato da Venda, entre outros.

 

En consecuencia, as persoas con animais deberán sacalos no lugar máis próximo ao seu domicilio e por un tempo reducido. A Policía Local comprobará o domicilio da persoa que se atope coa súa mascota en espazos públicos e no caso de que se encontre alonxado da súa residencia existindo lugares máis próximos a ela será sancionada. O mesmo acontecerá se se comproba unha permanencia nun espazo público de forma prolongada máis alá do imprescindíbel.

 

Ademais, diante desta situación a Policía Local comprobará que os cans contan co correspondente microchip e vixiarase que os propietarios dos animais recollan os seus excrementos e limpen con auga as zonas onde orinan, denunciando calquera infracción ao respecto.

 

O Concello advirte que non permitirá abusos e comportamentos fraudulentos que constitúen unha falta de respecto para a poboación que está cumprindo escrupulosamente co confinamento e que supoñen un incremento do risco de transmisión do Covid-19 entre a poboación.