O Concello adopta medidas para asegurar a información actualizada e completa do servizo de transporte público

O novo concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, adoptou durante esta semana varias medidas dirixidas a asegurar unha información completa e actualizada dos servizos que prestan as empresas que operan na Estación de Autobuses de Ponteareas. Mera afirma entender as críticas veciñais porque “como usuario do transporte público eu tamén son conscente desde hai tempo da falta de información sobre horarios do servizo que prestan as empresas de autobuses e por iso, nestes primeiros días de responsabilidade, iniciei as xestións necesarias para resolver de inmediato esta carencia inaceptábel”.

Segundo explica o edil nacionalista, as catro empresas que operan na Estación de Autobuses “deberán facilitarnos antes de finalizar esta semana toda a información actualizada de horarios e frecuencias. Dita información estará dispoñíbel, en breve, na propia Estación así como na web municipal”. Mera engadíu que, unha vez entre en funcionamento a nova Oficina de Atención ao Cidadán do Concello, tamén se facilitará telefonicamente esa información. Por outra banda, Mera esixirá tamén as empresas que, no sucesivo, informen ao Concello puntualmente de calquera variación nos horarios dos servizos e que faciliten un teléfono de atención aos usuarios onde estes podan acceder igualmente esa información. Por último, Mera lembrou que o Concello non pode permitirse o gasto en persoal permanente nunha Estación de Autobuses que debería depender da Xunta de Galicia, “de aí que continuarei as negociacións iniciadas no anterior mandato para poñer fin dunha vez por todas a esta anómala situación”.