O Concello adapta o Conservatorio de Ponteareas para iniciar o curso con seguridade ante a COVID-19

A concellaría de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, informou do inicio do curso escolar no Conservatorio e na Escola de Música Municipais na tarde do mércores.

 

Neste ano tan atípico por mor da pandemia da COVID-19, a Concelleira de Ensino xunto coa Dirección do Centro Educativo decidiron tomar todas as medidas precisas para garantir o protocolo de actuación fixado polas autoridades sanitarias e a seguridade para a protección da saúde do seu alumnado.

 

Deste xeito, informan que se reduciron as ratios nas aulas de materias colectivas ata un máximo de 12 alumnos/as mantendo un distanciamento de 1,5 m. Así mesmo, habilitáronse novas estancias para as especialidades de vento para manter 3m de seguridade, instalando biombos transparentes de protección; instaláronse tamén mamparas separadoras entre alumnado en materias que requiren o uso de equipos informáticos e indicáronse os fluxos de tránsito de persoas polo centro con diferentes sinalizacións.

 

A concelleira nacionalista sinala que, ademais, “faranse tomas de temperatura ao alumnado para acceder ás instalacións educativas, dotarase de xel desinfectante en todas as aulas e desinfectaranse durante as horas lectivas os baños, pasamáns, pomos de portas e ventás, aulas comúns a varios grupos, etc., a fin de previr posibles contaxios”.

 

A semana pasada realizáronse as presentacións do curso académico por especialidades, onde se informou a toda a comunidade educativa da organización do presente curso e dos seus respectivos horarios, presentando o “equipo Covid” do Centro, que compartiu a normativa actual mediante a páxina web.

Neste intre estase a traballar na posta en funcionamento da aula virtual do centro a través dunha aplicación que permitirá o ensino non presencial se as circunstancias sanitarias o fan preciso”, sinala Fdez. Davila. “Este goberno non escatimou en recursos para protexer tanto aos traballadores e traballadoras como ao alumnado do noso Centro, dándolle absoluta prioridade a un ensino seguro e de calidade”, engadiu a concelleira.

 

A Concellaría de Ensino lembra que continúa aberta a matrícula na Escola de Música ata final de mes para aquelas persoas que desexen estudar música no centro educativo, quedando algunha praza dispoñible en Gaita, Piano, Violín e Violoncello. O resto das especialidades están xa completas.