O Concello aclara que non hai dificultades urbanísticas para o novo Centro de Saúde grazas ao novo PXOM

O Concello aclara que non hai dificultades urbanísticas para o novo Centro de Saúde grazas ao novo PXOM

A alcaldesa lembra que confirmou ao conselleiro por escrito a localización da parcela o 11 de maio e que Comesaña visitouna incluso antes desa data

Fernández Davila agradece o interese da Xunta polo novo Centro de Saúde e anima ao conselleiro a actuar co mesmo empeño diante dos graves problemas que ten o actual

O Goberno municipal de Ponteareas aclarou de xeito firme e tallante que “non existen dificultades urbanísticas para a localización do novo Centro de Saúde” na parcela escollida polo executivo local ao pé da N-120 dentro do núcleo urbano. Segundo a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, “grazas ao novo PXOM sacado adiante o pasado ano polo goberno que presido, contamos cunha inmellorábel parcela para acoller o futuro Centro de Saúde, ao pé da N-120, a carón do acceso ao barrio de San Vicente e Canedo e dentro do casco urbano”.

Fernández Davila salientou que “se trata dunha localización idónea, cunha gran superficie, ben comunicada, a apenas un minuto da Estación de Autobuses e que permite achegarse a pé dende o centro da vila nun percorrido completamente plano e sen pendentes, a diferenza do que acontece co actual Centro de Saúde”.

A alcaldesa explicou que “a Consellaría propuxo mellorar a ordenación prevista no PXOM para que a nova construción se coloque nun lugar preeminente da parcela, idea que nós compartimos e que se fará efectiva a través do correspondente procedemento urbanístico. Falamos, pois, de detalles técnicos e trámites administrativos, en ningún caso de problemas que poñan en cuestión a idoneidade da parcela”.

Cristina Fernández Davila agradeceu o interese da Consellaría por avanzar coa maior rapidez nos trámites urbanísticos e técnicos que permitan construír o novo Centro de Saúde e animou ao conselleiro a actuar co mesmo empeño e interese en solucionar os graves problemas do actual Centro de Saúde. “A opinión pública non entendería que mentres 8.000 persoas carecen de médico no actual centro e a súa quenda de tarde está pechada, o conselleiro teña como prioridade facer un novo edificio desatendendo os problemas máis urxentes da sanidade en Ponteareas”, sinalou a alcaldesa.

Por outra banda, ante informacións nas que se asegura que a Xunta coñeceu a localización dos terreos a través da prensa, o Goberno local do BNG-PSOE lembra que en abril o equipo técnico da Consellaría e do Concello, xunto á propia alcaldesa e varios concelleiros, visitaron a parcela. Uns días despois, o 2 de maio, o conselleiro, Julio Comesaña, aproveitando a súa visita ao Centro de Saúde de Ponteareas, visitou tamén os terreos do novo centro de saúde, e o día 6 a alcaldesa enviou a Comesaña un escrito no que o informou do inicio dos trámites para adquirir e poñer os terreos a disposición da Consellaría. O día 9 de maio o conselleiro dirixiuse á alcaldesa pedindo aclaracións sobre a que parcela se refería na súa carta, malia que xa a tiña visitado e tiña coñecemento dela polo seu equipo técnico. Aínda así, Cristina Fernández Davila remitiu un novo escrito o día 11 de maio confirmando expresamente que se trataba da parcela ao pé da N-120. “En consecuencia, a Xunta sabe dende maio cal é a parcela, tanto por comunicacións escritas do Concello como por ter sido visitada polos técnicos e o conselleiro”, explica o goberno local.