O Concello abre unha nova convocatoria de axudas para mercar libros de texto e material escolar

 

Destinaranse 15.000 euros a estas axudas municipais de apoio ao estudo para alumnado de 4º, 5º e 6º de infantil, FP Básica, ciclos formativos e bacharelato

 

O Concello abre unha nova convocatoria de axudas para mercar libros de texto e material escolarO Concello de Ponteareas abriu xa o prazo para solicitar as axudas municipais de apoio ao estudo destinadas a alumnado matriculado en 4º, 5º e 6º de educación infantil, FP Básica, ciclos formativos e bacharelato en centros educativos ponteareáns para o curso 2022/2023.

 

“Estas axudas son imprescindíbeis para seguir apostando pola igualdade de oportunidades, para que ninguén quede atrás por cuestións económicas, sobre todo na situación actual na que nos atopamos”, asegura a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila, que lembra que “este tipo de gastos escolares supoñen un esforzo cada vez maior para as familias cada inicio de curso e dende o Concello debemos colaborar para paliar posibles dificultades”.

 

Con esta nova convocatoria, o Concello contribuirá na adquisición de libros de texto e material escolar daquelas familias ponteareás con ingresos máis limitados que non dispoñan de ningunha outra axuda. Para iso destinará 15.000 euros que se suman aos máis de 120.000 euros que se levan destinados nos últimos seis anos.

 

As axudas terán unha contía máxima de 100 euros por menor. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 19 de agosto no Rexistro Xeral do Concello de forma presencial ou a través de Sede Electrónica. As bases xa están publicadas para a súa consulta na web municipal, así como os formularios precisos para a presentación de solicitudes.