O concello abre o prazo de licitación das obras de humanización e mellora da seguridade peoníl en Fernández de La Vega

O concello de Ponteareas informa que está aberto o prazo para que todas as empresas interesadas poidan presentar as súas propostas para a humanización e mellora da seguridade peoníl do tramo da rúa Doctor Fernández de la Vega, entre o auditorio municipal Reveriano Soutullo e a praza de abastos.

O valor estimado do contrato ascende a 208.432,59€ máis IVE cun prazo de execución de dous meses.

As empresas interesadas deberán presentar as súas propostas antes do 29 de agosto por rexistro de entrada ata ás 13:00 horas e poderán consultar o expediente na páxina web do concello na pestaña “perfil do contratante” ou directamente accedendo a través da seguinte ligazón https://ponteareas.sedelectronica.gal/?x=r620C9-b6VWs-IzMZm1S9Q

A reforma proxectada prevé a creación dunha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, mantendo a circulación de vehículos nos dous sentidos. Estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns. O obxectivo da actuación é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradábel e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.

Este proxecto súmase aos xa postos en marcha de mellora da rúa Redondela e humanización de San Roque nos dous tramos, Feira Vella ou Alto da Gloria co obxectivo de acadar unha cidade na que as persoas sexan as protagonistas e poidan gozar dunha vila máis humana, amable e sostible. 

Esta obra estará financiada polos fondos europeos de desenvolvemento rexional da Unión Europea dentro da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”.