O concelleiro Manolo Troncoso despídese da veciñanza e dos compañeiros e compañeiras da Corporación

O concelleiro Manolo Troncoso dirixíu unha palabras á cidadanía e compañeiros e compañeiras da Corporación que aquí debaixo lles deixamos:

Non continuarei na corporación municipal o vindeiro mandato. Non cumprimos o obxectivo de revalidar a acta de Concelleiro.Non vou lonxe. Quedo na Marea de Ponteareas, como un máis, activo, ofrecendo a miña experiencia e o meu traballo militante”

Agradezo todas as mensaxes de apoio recibidas estes días, moitas, e todas elas moi gratificantes. Porén, apreciándoas e entendendo todo o cariño que levan detrás, tomo esta decisión convencido de que ninguén, e menos eu, é imprescindíbel para un proxecto político como a Marea de Ponteareas, no que hai moita xente boa e xenerosa, e de que o Grupo Municipal que resulta é un magnífico grupo, humano, político e profesional. De todos xeitos non vou lonxe. Abandono a vida institucional e tamén a primeira liña política, pero quedo na Marea de Ponteareas, como un máis, activo, ofrecendo a miña experiencia e o meu traballo militante.

Creo sinceramente que Ponteareas é hoxe unha cidade mellor que hai catro anos. Unha cidade máis sostible e que contamina menos, unha cidade que reduciu bolsas de pobreza, unha cidade que crea máis emprego e máis riqueza, unha cidade cunha vida cultural máis intensa, cun sector turístico máis forte, onde xa se fixo normal que os veciños e veciñas podan participar directamente na vida pública. Nestes catro anos saneamos as contas municipais, melloramos os dereitos laborais, tanto do funcionariado, como nas contratas, e salvamos ao Concello da bancarrota. Captamos 5 millóns de euros en fondos europeos, que o novo goberno terá que executar, e deixamos preparados novos proxectos para vindeiras convocatorias, con moitas posibilidades de que se vexan financiados de novo.

Quero agradecer o cariño e a axuda recibida nestes anos. En primeiro lugar, a do Goberno municipal, 9 persoas ás que practicamente non coñecía e que hoxe podo dicir que son amigos e amigas para o resto das nosas vidas. Estender este agradecemento a toda a corporación municipal e a todo o persoal eventual e direccións de Área que formaron parte do equipo estes anos. Un equipo excepcional, co que foi un orgullo traballar.

A todo o equipo de Goberno…. Foi un orgullo compartir estes catro anos, as risas, as preocupacións, os sobresaltos. Ides ocupar un lugar moi importante para sempre no meu corazón.

En todo caso, foi marabilloso ser Concelleiro de Ponteareas durante estes catro anos. Houbo momentos duros, pero quedan apagados pola paixón coa que vivín o reto de tentar mellorar a vida dos meus conveciños e de “moderar”, se mo permitides, un goberno de xente boa, honrada e traballadora, e por todo o respecto e cariño recibido estes anos. Podo dicir hoxe que aínda quero máis á miña cidade que cando comecei.

E xa está. Dicía hai catro anos: “como xente do común entramos, como xente do común marcharemos”. Emocióname pensar que tamén vou cumprir con este compromiso. Marcho sendo en esencia o mesmo que entrou. Co mesmo patrimonio, coas mesmas amizades e cos mesmos costumes que tiña hai catro anos.