As concellerías de Mobilidade e a de Vías e Obras critican á Xunta polo retraso no pintado da avenida Castelao

O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Roberto Mera,e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, criticaron o retraso no pintado da Avenida de Castelao por parte da Xunta de Galicia. O edil sinalou que esta situación está creando “serios problemas para a seguridade vial, especialmente para os peóns, pola falta de pintado dos pasos de peóns, pero tamén para os vehículos en zonas de intersección e de refuxios para realizar xiros”. A Avenida de Castelao é unha arteria principal da rede viaria urbana, cunha grande densidade de poboación e de tráfico.

Mera lembrou que o asfaltado se concluíu hai varias semanas e que desde entón houbo días dabondo con boas condicións climáticas para facer o pintado. “Desde a concellaría de Tráfico contactouse coa empresa para que aproveitase eses días, pero alegaron que se atopaban noutro concello facendo outras obras, pospoñendo o pintado que agora non poden realizar mentres se manteña a choiva”.

Pola súa parte, Chus Garrote, explica que tamén advertiron á Xunta a necesidade de mellorar algún paso elevado que quedou mal rematado así como corrixir nalgúns tramos os niveis nos encontros entre a beirarrúa e o asfalto.

Os concelleiros sinalan que comparte o malestar da veciñanza e explica que “desde o Concello estamos vixilantes para que por parte da Xunta se realice o pintado no primeiro día que as condicións meteorolóxicas o permitan”.