O concelleiro de Educación do Concello de Ponteareas promoveu onte pola mañá unha reunión na Delegación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en Vigo, para tratar a problemática do CEIP Feliciano Barrera de Guláns.

O edil de Educación do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, mantivo este mércores pola mañá unha reunión na Delegación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en Vigo, co inspector xefe de Educación, Manuel Torres Bizcaya, o inspector de zona, Gonzalo Fernández Fernández, a directora do CEIP Feliciano Barrera de Guláns, Alba Amoedo Amoedo, e a vicepresidenta da Anpa, Isabel Amoedo Lorenzo, para clarexar a situación do profesorado adscrito ao colexio Feliciano Barrera de Guláns. Nesta xuntanza, os inspectores trasladáronlles ao concelleiro de Educación e aos representantes da comunidade educativa que xa fora publicada a praza vacante do profesor de inglés de infantil e que, nun prazo de 24 ou 48 horas, cubriríase esta, recalcando que fora un compromiso xa adquirido polo inspector de zona a inicio de curso e que se seguiron os pasos necesarios para dar cobertura a esta praza de profesorado. O edil de Educación do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, manifesta que, vista a ratio de alumnos e de grupos, quedan cubertas as necesidades de profesorado do citado centro e amosa a súa satisfacción por chegar a un consenso entre as partes.