O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, mantén unha xuntanza cos representantes dos centros culturais para por en marcha o Plan Cultural Municipal e o programa de cursos que subvenciona o Concello de Ponteareas aos centros culturais de Ponteareas

2013-12-10 20.26.52O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández,  segue apostando por  dinamizar  os  centros culturais  das  distintas parroquias, e barrios, do noso término municipal  e  así esta semana mantivo unha xuntanza cos directivos dos mesmos para entregarlles a relación de agrupacións que solicitaron a súa inclusión no Plan Cultural Municipal e tamén a relación de cursos que subvencionará o Concello de Ponteareas, a estes centros, ao longo deste ano 2014.

O Plan Cultural Municipal deste ano inicia a súa andaina, este ano, con  unha  partida orzamentaria  de máis de  12.000 euros, e conta con 33 agrupacións do Concello de Ponteareas inscritas no mesmo, entre as que podemos destacar: bandas de música, orquestras de cámara, bandas de gaitas, grupos de gaitas, grupos folclóricos, pandeireteiras, grupos de teatro, grupos de playback, charangas, grupos rock, grupos de metais, madeira, corda, etc.

Nesta xuntanza, tamén se entregou a relación de cursos que oferta e subvenciona este ano o Concello de Ponteareas a todos os centros culturais do término municipal e que xa poden empezar a programar en cada parroquia.

Para gastos derivados da subvención destes cursos o concello reservou unha partida orzamentaria por importe de  11.000 euros, coa que  se pretende realizar  arredor de 55 cursos ao longo deste ano nos diferentes centros culturais.

Coa posta en marcha do Plan Cultural Municipal e o programa de cursos subvencionados polo Concello de Ponteareas  destínanse  preto de 24.000 euros para actividades musicais, culturais e formativas  que se desenvolverán nos diferentes centros culturais do noso término municipal .