O comercio local de Ponteareas celebra o seu “Mercaserán” de descontos

Banastra e a Asociación de Comerciantes Tea organizan o vindeiro venres unha xornada na que ademais de rebaixas, haberá agasallos e un horario ampliado ata as 22.00 horas. A actividade está financiada polo Concello de Ponteareas

 

O vindeiro venres 3 de setembro o comercio local de Ponteareas colgará o cartel de rebaixas. Banastra de Ponteareas e a Asociación de Comerciantes Tea organizan a segunda edición de “Mercaserán”, unha xornada para pór en valor a ampla oferta de servizos e produtos que hai na vila, que está financiada polo Concello. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destaca que o evento é “moi positivo” para a economía do municipio, e é “unha proba máis do importante labor de Banastra e a Asociación de Comerciantes Tea para fortalecer o comercio de proximidade”. 

 

Durante a xornada, ademais de grandes descontos, tamén se fará un sorteo de agasallos entre todas as persoas que merquen no pequeno comercio. Os establecementos tamén pecharán máis tarde, ás 22.00 horas, para que “toda a veciñanza poida desfrutar do Mercaserán”. 

 

O evento tamén contará con animación. Ás 12.00 horas a zona peonil da praza Doutor Fernández Vega acollerá a actuación do violinista Gabriel Cracium, de 16.30 a 18.30 horas haberá unha busca do tesouro nos distintos comercios da vila (inscrición no 682 824 695, ás 18.30 h a rúa Amado Garra animarase coa música dun DJ, e ás 19.30 h hai un concerto e un taller de baile diante do Concell. A xornada rematará ás 22.15 horas na Praza Maior co sorteo de agasallos.