O CN Ponteareas proclámase campión galego da División de Honra por primeira vez na súa historia

O CN Ponteareas proclámase campión galedo da División de Honra por primeira vez na súa historia

 

Novo fito para o CN Ponteareas, que esta fin de semana proclamábase campión da Liga Galega de clubs de natación na máxima categoría, a División de Honra. Na piscina Rosario Dueñas de Ourense, as e os nadadores do club ponteareán enfrontáronse aos anfitrións, o CN Pabellón Ourense, e ao CN Portamiñá de Lugo no desenlace dunha competición que premia tanto os resultados obtidos como a regularidade.

 

Nadadoras e nadadores disputaron as sesións de mañá con seriedade e concentración, sabendo o que estaba en xogo para todos os equipos. O CN Ponteareas rematou a primeira sesión, na quenda de mañá, encabezando a clasificación cunha pequena vantaxe sobre o club lucense. Xa pola tarde, e mantendo a emoción ata o final, o club ponteareán foi quen de manter a distancia e, tras unha axustada clasificación final, proclamarse por primeira vez na súa historia campión galego da División de Honra. A segunda posición foi para o CN Portamiñá e o terceiro para o CN Pabellón.

 

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, deu os parabéns ao club e todas e todos os seus nadadores por este fito histórico que amosa “o bo nivel que atravesa o equipo ponteareán nestes intres”. O edil recordou que os éxitos do CN Ponteareas non só significa novos títulos para o deporte ponteareán, senón que tamén son “un escaparate único da vila grazas aos eventos e competicións que se celebran cada tempada e que acollen a deportistas de toda Galicia e de fóra e que xeran un impacto económico directo”. “Temos que agradecer ao CN Ponteareas a súa ilusión, o seu esforzo, o seu bo facer e a súa implicación coa vila”, salientou.

 

O director técnico e presidente do club, Andrés Carrera, recoñece que “ser campións da máxima categoría era un fito difícil de imaxinar hai tan só uns anos, así que facelo realidade é unha inmensa ledicia e pon de manifesto que estamos a traballar na dirección correcta”. Carrera felicitou a todas e todos os deportivas que fixeron posible o resultado, así como a técnicos, familiares, institucións e entidades e empresas patrocinadoras.

 

Logo da celebración, o club afronta diversos e importantes compromisos, entre os que destacan a organización de diversas probas oficiais este verán tanto na piscina do complexo deportivo Álvaro Pino como no río Tea.