O Clube Natación Ponteareas e a Concellería de Deportes celebran a Travesía a Nado Vila do Tea 2016

O vindeiro domingo 21 de Agosto, as 10.30 da mañá, terá lugar, na Praia Fluvial de A Freixa, a travesía a nado Vila Do Tea 2016, proba organizada polo Clube Natación Ponteareas e o Ilustrísimo Concello de Ponteareas. A proba será cronometrada por sistema electrónico pola empresa Prueba-T e contará ademais con arbitraxe da Federación Galega de Natación.

Pilar Gallego Illán, presidenta do Clube Natación Ponteareas, destacou o gran esforzo que supón a organización dun evento coma este, xa que “son moitas as travesías que xa están consolidadas por Galicia adiante, e é moi difícil facer que os nadadores escollan Ponteareas para nadar”. Para chamar a atención dos nadadores a organización fixo unha importante campaña publicitaria a través das redes sociais, ademais de ofrecer uns premios económicos “moi atractivos” e unhas categorías adaptadas a diferentes niveis deportivos. A presidenta da entidade tamén destacou a importancia de dar a coñecer un espazo natural como A praia Fluvial da Freixa, a xente de fora de Ponteareas, “cando comezamos a anunciar a organización da travesía, moita xente preguntaba: “¿pero en Ponteareas, onde ides facer unha travesía?”, comentaba Gallego Illán.

A proba constará de tres categorías, dentro da distancia máis longa 2600m, Elite, para nadadores federados, Master, para nadadores federados master (aleccionados/Veteráns) e Popular, categoría aberta a toda a xente que queira participar. A categoría popular permite ademais o uso de traxe de neopreno. Ademais haberá unha proba de 1300 metros reservada a nadadores de categoría infantil e Alevín e outra de 600m para os máis pequenos.

“Temos unha novidade importante”, destacaba Andrés Carrera Costas, director técnico do Clube Natación, “unha proba de relevos 4×600, que realizaremos o final das probas individuais”, quen destacou a necesidade de innovación na organización de probas. “Hai que ofrecer cousas diferentes, temos que facer que o noso deporte sexa aínda máis divertido e atractivo”.

Esta proba contará tamén coa participación dun nadador internacional, na proba do Tea, o portugués Hugo Alberto Ribeiro, que participou en probas da Copa do Mundo de Augas Abertas así como en Campionatos de Europa da especialidade. “Sen dubida é o principal favorito na proba masculina, gañou todo este ano na nosa comunidade: Travesía da Ría de Vigo, Travesía Heroica no Río Sil, Travesía Praia de Coroso en Ribeira. Aínda así, seguro que os locais llo porán difícil. Na proba feminina parece que todo estará máis aberto, contando tamén con nadadoras experimentadas nas augas abertas”.

“O obxectivo é consolidar a proba. O noso clube leva varios anos con moita presenza nas probas de augas abertas, levamos tempo querendo ser os anfitrións dunha proba con nivel deportivo, que atraia nadadores a nosa Vila. Pero esperamos que non sexa a última, e que o evento teña continuidade e se consolide no calendario de augas abertas”.

“Esta proba é un xeito de darlle importancia ao río Tea. Ponteareas necesita revalorizar o seu río, que é un ben natural ao que moitas veces non se lle presta a atención que merece. É un ben natural que debemos potenciar e dar a coñecer aos visitantes. E con esta proba coido que en boa medida achegámonos a este obxectivo”, sinalaba Benito Márquez, concelleiro de Deportes de Ponteareas.”Esperamos que esta proba teña un grande éxito, e que ano a ano se vaia consolidando ata converterse nun referente na contorna.

A cita será este Domingo a partir das 10:30 horas, na praia fluvial de A Freixa, e poderá seguirse doadamente, durante todo o percorrido, polo paseo fluvial do río Tea.