O Club Natación Ponteareas remata o ano por todo o alto

O Club Natación Ponteareas remata o ano por todo o alto

Acadou o título de campión galego nas categorías conxunta e masculina no campionato galego de longa distancia, mentres que o equipo feminino vén de conquistar a Copa de España de 2ª División

O Club Natación Ponteareas está a pechar o ano colleitando novos éxitos. Cun mes de decembro con varias citas importantes pendentes no calendario de competicións, o club ponteareán acaba de pasar con nota as dúas primeiras competicións coas que as e os nadadores dirán adeus a este 2022.

Así, por unha banda, o CN Ponteareas acadou o título de campión galego tanto na categoría masculina como na conxunta no Campionato Galego de Longa Distancia, unha proba disputada no Centro Galego de Tecnificación deportiva no que as e os deportistas ponteareáns acadaron ademais varios podios individuais.

Mentres, o equipo feminino convertíase nun dos grandes protagonistas na Copa de España de 2ª División, celebrada na piscina Santa Isabel de Santiago de Compostela. As nadadoras do Condado conseguiron ocupar a primeira posición despois de dous días de probas nunha competición que estrea formato esta tempada, con varias divisións territoriais e máis de 100 equipos participantes, polo que haberá que agardar a coñecer a clasificación xeral para ver se a puntuación obtida polos equipos ponteareáns outórgalles un posto para o ascenso á primeira división nacional.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, trasladou a club e deportistas as felicitacións de todo Goberno municipal “por todos os logros acadados non só nestas dúas competicións, senón ao longo de toda unha tempada repleta de grandes e importantes citas nas que sempre dan a talla”. “O Club Natación Ponteareas e todas e todos os seus integrantes son un exemplo da paixón polo deporte que temos nesta vila e do coidado pola nosa canteira, o que sen dúbida seguirá reportándonos grandes éxitos”, recalcou Bouzó.

O Club Natación Ponteareas remata o ano por todo o alto