O Club Natación Ponteareas proclámase campión galego máster feminino e por equipos

O Club Natación Ponteareas proclámase campión galego máster feminino e por equipos

O Concello traslada os seus parabéns ao club e a todas e todos os seus deportistas e anima á veciñanza a gozar do Campionato Galego de Augas Abertas que se celebrará o día 10 no río Tea

O Club Natación Ponteareas vén de proclamarse campión galego máster tanto na categoría de conxunto como na feminina tras unha grande actuación na piscina Rosario Dueñas de Ourense, nunha competición na que se rexistraron 141 récords galegos individuais e 30 en remudas, demostrando o alto nivel das e dos deportistas participantes.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo trasladar os parabéns do Concello ao club e a todas e todos os seus nadadores máster polos resultados desta competición e pola magnífica tempada realizada, na que se fixeron cos títulos de campión de liga e cos campionatos galegos de inverno e verán.

As nadadoras e nadadores do CN Ponteareas terán unha nova cita o vindeiro sábado 10 de xuño en augas de río Tea, onde se celebrará o Campionato Galego de Augas Abertas coincidindo cos actos festivos do Corpus. Miguel Bouzó anima a toda a veciñanza a achegarse á Freixa e gozar deste campionato que aglutina a máis de 230 deportistas da categoría máster e absoluto nunha proba única.

O concelleiro expresou a súa admiración polo traballo e dedicación das e dos deportistas do CN Ponteareas e do propio club, destacando que “son un exemplo de constancia e excelencia, como demostran todos os logros que acadan cada ano, levando o nome de Ponteareas a todos os recunchos”.