O campionato terá lugar na piscina municipal o vindeiro sábado, 16 de abril
Grazas á concellería de Deportes, dirixida por Benito Márquez, o torneo contará por vez primeira cun sistema de cronometraxe electrónica
Un total de 240 deportistas con idades comprendidas entre os 11 e os 26 anos, procedentes de 12 clubs diferentes, competirán na décimo sétima edición do Trofeo Amizade que terá lugar a vindeira xornada de sábado, 16 de abril, a partir das 11:00 horas nas instalacións da piscina municipal.
O torneo divídese nas categorías de alevín, infantil e absoluta e contará coa participación do Real Club Nautico de Vigo, o CN Pabellón (Ourense), o C. Tenis Codesal (A Guarda), o C. Natación Vigo Rías Baixas, o C. Natación Riveira, o Club Natación Galaico (Pontevedra), o C. Nautico Redondela, o C. Natación Sanxenxo, o C. Natación Salnes (Cambados), o C. Natación Vilagarcía, e o C. Natación Arzúa.
A nivel individual destaca a presenza de varios nadadores que adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, como é o caso dos riveirenses Manuel Tomé, Clara Otero e Alex Lages, ou o nadador do CN Galaico, Daniel Sanchez Louzán. O Trofeo Amizade tamén contará coa participación de Manuel Davila, do CN Riveira, medallista nacional en varias ocasións, ademais do actual récord galego dos 400 estilos, Marc Ciurana Roca, do CN Pabellón Ourense.
A principal novidade desta edición é o sistema de cronometraxe electrónica que a concellería de Deportes xestionada por Benito Márquez pon, por vez primeira na historia do torneo, a disposición dos organizadores. O propio Márquez salientou na presentación do décimo sétimo Trofeo Amizade que “se trata dunha competición que goza xa dun extraordinario percorrido, que sempre atrae a excelentes nadadores e nadadoras a Ponteareas e que merece que as condicións nas que se organiza sexan melloradas pouco a pouco”.