O Club Natación comeza novo curso con 141 licencias e retos ilusionantes

O Club Natación Ponteareas presentou a súa tempada 2019-2020 nun acto celebrado no auditorio municipal Reveriano Soutullo e ao que asistiron concelleiras e concelleiros do goberno, entre eles o alcalde Xosé Represas e a concelleira de Deportes, Nahir Covelo.

O Club informou que comeza o curso con 141 licencias de deportistas,dende a escola de natación ata grupo de alto rendemento. 

Tamén adiantou que o equipo absoluto participará na división de Honra Galega (entre os 6 mellores clubs de Galicia) con 2 nadadores bolseiros no Centro de Tecnificación  Deportivo de Pontevedra (que forman parte do equipo Nacional de Augas Abertas) e 4 no Grupo de Especial Seguemento tamén en Pontevedra.

Ademais, trasladou aos e ás asistentes que por vez primeira o equipo feminino participará en decembro na Copa de España de Clubs que se celebrará en Madrid.

Por último o club engade que haberá presenza de nadadoras e nadadores locais en Campionatos Galegos e Nacionais. “Un horizonte ilusionante, cheo de probas, competicións e organización de eventos (a travesía a nado Vila do Tea, O Campionato Galego de Augas abertas e a etapa final do Circuito Galego de Augas abertas vanse disputar no río Tea). Un horizonte ilusionante por diante para as nadadoras e nadadores!” concluíu o seu presidente Andrés Carrera.

Pola súa banda, o alcalde Xosé Represas quixo destacar a importante labor que fan os clubs deportivos e felicitou tanto á directiva como aos deportistas do Club Natación Ponteareas polos seus logros e polo traballo e exemplo de esforzo que levan ofrecido nestes anos de traballo.