O CIM presentou o seu balance nunha xornada de traballo aberta ao público

Convocadas pola concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do CIM, as e os participantes valoraron moi positivamente o encontro e o traballo realizado ao longo deste tempo

Representantes de asociacións, entidades e organizacións sociais, cidadás, veciñais e profesionais comprometidas coa igualdade asistiron á xornada aberta de traballo organizada polo Centro de Información ás Mulleres de Ponteareas (CIM), dependente da concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Verónica Carrera.

A concelleira Verónica Carrera explica que o CIM é o único centro especializado da comarca para mulleres e persoas do colectivo LGBTQI+. Froito da dedicación e implicación do grupo de profesionais no último ano atendeu a 310 persoas de toda a comarca en 1028 consultas pscolóxicas, xurídicas, sociais, informativas e de promoción da igualdade.

Durante dúas horas o equipo do CIM presentou o traballo feito nos anos 2018 e 2019, tanto a parte asistencial como a referida á implementación de programas e de accións do V Plan de Igualdade Local, que se atopa na metade do seu período de execución, e levouse a cabo unha avaliación na que o CIM aportou os datos e o público reflexionou sobre o traballo realizado aportando tamén as súas suxestións que serán incorporadas no deseño das accións deste ano.

O Plan de Igualdade, que se está a desenvolver na actualidade, contén 47 medidas das que xa se executaron o 72,34 % das accións.

Un equipo de seis profesionais, psicóloga, administrativa, avogada, técnica de igualdade e traballador social, prestan servizo neste departamento ubicado no centro social da rúa Oriente.

As persoas que participaron valoraron moi positivamente esta iniciativa. Entre as conclusións que se obtiveron dos grupos de traballo destaca a necesidade de achegar o CIM ao resto da poboación, que en moitos casos, descoñece este recurso activo desde o ano 2005.