O CIM informa sobre as medidas adoptadas nos réximes de custodia durante o estado de alarma

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, a través do servizo xurídico do Centro de Información á Muller (CIM) aclara ás familias as dúbidas respecto aos réximes de custodia durante a vixencia do estado de alarma e as medidas adoptadas neste senso.

O CIM adianta que debe terse en conta que, ante todo, o espírito e finalidade destes réximes radica na protección do menor afectado e os seus intereses, tratándose dun principio básico que debe operar de maneira imperante á hora de formularse calquera tipo de consideración neste ámbito; sendo preciso anotar que, obviamente, a protección da súa saúde atópase dentro destes intereses, debéndose por especial atención na protección da mesma ao ter en conta a gravidade da situación actual.

O servizo xurídicos aclara que quedará primeiramente na man dos proxenitores establecer, mediante acordo común, as modificacións temporais que consideren pertinentes e, en ausencia deste, corresponderá aos xuíces ou maxistrados a toma de decisións na materia. A modificación das condicións ordinarias da custodia ou as visitas non terá que supor un corte das comunicacións entre o menor e o outro proxenitor, debéndose promover, dentro da medida do posible, o emprego de métodos alternativos mentres perdure a situación para a satisfacción dos dereitos outorgados por ditos réximes.

Toda a información na páxina web do Concello no botón “COVID-19” ou no enlace http://ponteareas.gal/covid-19/