O ciclo ‘Mestre Mateo’ arranca en Ponteareas

 

O ciclo ‘Mestre Mateo’ arranca en PonteareasA veciñanza poderá ver de balde proxeccións gañadoras e finalistas nos premios do cinema galego

 

A primeira cita será este sábado 26 de marzo ás 20 h na sala multiúsos do auditorio municipal para ver ‘O gran camiño’. Reserva gratuíta de entradas vía telefónica ou vía web

 

Ponteareas dá a benvida esta fin de semana ao ciclo ‘Mestre Mateo’, unha actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra que traerá á vila do Tea ao longo dos vindeiros meses e de forma gratuíta as películas gañadoras e finalistas nos premios do cinema galego.

 

“Para Ponteareas é moi importante formar parte da primeira edición deste ciclo, no que só participan cinco concellos de toda a provincia”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, que salienta que a iniciativa “non só nos permitirá gozar de balde das mellores películas galegas do último ano, senón que tamén é un xeito único de achegar o noso audiovisual, o noso idioma e a nosa cultura á veciñanza”.

 

A primeira cita será este sábado 26 de marzo ás 20.00 horas co documental ‘O gran camiño’ na sala multiúsos do Auditorio Municipal, que será o escenario destas proxeccións que se repetirán mensualmente ata novembro, coa excepción dos meses de xullo e agosto.

 

Este documental está narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as súas cámaras nas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo, entre as que se inclúe o Camiño de Santiago.

 

A entrada será de balde previa reserva a través da web ou no teléfono 986 661 674.