O centro municipal de Canedo, en proceso de mellora

O centro municipal de Canedo, en proceso de mellora

 

Comezaron as obras de renovación da envolvente térmica do edificio, coas que aumentar a eficiencia enerxética e ofrecer un maior confort ás persoas usuarias

 

O Concello de Ponteareas xa comezou as obras de mellora do edificio que acolle o centro de recursos para as persoas con discapacidade e a Asociación Veciñal de Canedo. O obxectivo destes traballos é mellorar a envolvente térmica do edificio e dotar ao inmoble de climatización para potenciar a confortabilidade das instalacións e, ao mesmo tempo, axudar a reducir as emisións de CO2.

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, salienta que todas estas melloras que xa se están a realizar nestas dependencias “beneficiarán a todos os usuarios e usuarias das instalacións, tanto á veciñanza de Canedo como ás persoas que participan nos obradoiros de atención diúrna terapéutica ocupacional ou ás persoas con discapacidade que utilizan os servizos de Adapta, que poderán gozar dunhas instalacións modernas e confortables”.

 

Todos os traballos que se levarán a cabo nas instalación “permitirán un aforro no consumo do edificio do 56%”, como sinala a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera. Para iso, estase procedendo ao illamento das fachadas polo exterior dos distintos módulos, da cuberta e dos falsos teitos; substituíndo as carpintarías exteriores dos módulos superiores; renovando de forma integral un local da planta baixa e acondicionando a soleira de todos os módulos da planta superior, entre outras actuacións.

 

As obras, que suporán un investimento de case 328.000 euros, contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica, e a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.