O Centro de Interpretación do Tea, CITEA, reabre as súas portas ao público con visitas concertadas

A concellería de Medio Ambiente informa da posibilidade de ter visitas guiadas para grupos

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, informa sobre a reapertura do CITEA (Centro de Interpretación do Tea), ubicado na casa cultural de Fozara.

Atendendo a situación de emerxencia que estamos a vivir, a reapertura do CITEA farase respectando todas as condicións de hixiene e seguridade necesarias fronte ao COVID-19.

No centro de interpretación atoparemos paneis informativos sobre a flora, a fauna e introducción á historia, usos e costumes vinculadas ao río Tea. Ademais este centro dispón dun proxector que ofrecerá vídeos temáticos.
A concelleira anima aos/ás cidadáns a visitar estas instalacións para coñecer máis polo miúdo a biodiversidade tanto animal coma vexetal que alberga este río, declarado LIC (Lugar de Interese Comunitario) incluído na Rede Natura 2000. Amais da riqueza natural, neste curso fluvial atopamos un abundante patrimonio cultural e etnográfico.

Haberá visitas guiadas dispoñibles baixo petición para grupos de mínimo 5 persoas e máximo de 10, os martes e xoves desde o mes de xullo a outubro.

Para concertar a visita contactar co seguinte enderezo electrónico: turismo@ponteareas.es