O Centro de Información á Muller de Ponteareas rexistrou case 1.200 consultas durante o ano 2021

O Centro de Información á Muller de Ponteareas rexistrou case 1.200 consultas durante o ano 2021

 

O CIM atendeu a 340 persoas das comarcas do Condado e A Paradanta

 

Ofrece asistencia psicolóxica, asesoramento xurídico, orientación social e información e formación a prol da igualdade e para a prevención e erradicación da violencia de xénero

 

O Centro de Información á Muller de Ponteareas continúa ofrecendo o seu apoio a mulleres e persoas do colectivo LGBTQI+. Único centro especializado das comarcas do Condado e A Paradanta, o CIM pechou o ano 2021 con arredor de 1.200 consultas atendidas. “Este centro é un recurso de vital importancia para artellar de forma integral programas, servizos e recursos cos que continuar traballando a prol da igualdade, na prevención e erradicación da violencia de xénero e na concienciación dunha sociedade na que as persoas poidan realizarse con liberdade dende o respecto e sen medos”, explica a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Verónica Carrera.

 

A maior parte das consultas atendidas polo equipo formado por psicóloga, administrativa, avogada, técnica de igualdade e traballador social foron por atención a violencia de xénero (304), seguidas de atención psicolóxica (299), información de recursos (291), asesoramento xurídico (248) ou orientación ao emprego (25). Este equipo de profesionais “dedicados e implicados” presta os seus servizos no departamento situado no centro social da rúa Oriente.

 

O balance do último ano do CIM  recolle que se atenderon a 340 persoas, o 79% delas ente 25 e 64 anos, só un 12% menores de 24 anos e un 9% maiores de 65. “Temos que seguir traballando para dar a coñecer este recurso entre toda a poboación, eliminar o estigma asociado en moitos casos a acudir a estes servizos e facilitar o seu acceso”, resalta a edil.

 

Os datos reflicten tamén que o 70% das persoas atendidas non tiña un traballo formal remunerado no momento de acudir ao servizo, das que 237 eran desempregadas, paradas de longa duración ou estaban inactivas. Como explica a concelleira, “estes datos tan elevados dependen da situación socioeconómica e das fendas de xénero, que inflúen de forma negativa na capacitación e na dispoñibilidade, xa que o 51% das mulleres teñen persoas ao seu cargo, dende nenos e nenas a persoas con discapacidade ou de dependencia. E resulta evidente que estas circunstancias aumentan a vulnerabilidade das persoas, en especial cando estamos a vivir unha crise estrutural como a actual tras dous anos de pandemia”.

 

O Centro de Información á Muller de Ponteareas atende consultas e ofrece apoio a calquera situación relacionada coa igualdade de oportunidades, aínda que dedica especial atención a situacións de violencia de xénero, xa que requiren unha actuación máis urxente e integral. No ano 2021 recorreron a este servizo 159 mulleres en situación pasada ou presente de violencia de xénero. “Neste ámbito é fundamental a coordinación institucional, xa que algunhas mulleres chegan ao CIM derivadas doutros servizos como a Garda Civil, Servizos Sociais de Ponteareas ou doutros concellos ou do Centro de Saúde”, salienta Carrera.

 

Durante a crise sanitaria o CIM mantivo a súa actividade ao ser declarado un  servizo esencial, aínda que as restricións e medidas sanitarias limitaron a posibilidade de desenvolver todas as accións para o pasado ano. Ademais dos servizos directos prestados á veciñanza, destacaron a participación na Mesa de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero, a loita polos dereitos da comunidade LGTBI+ ou a posta en marcha do Plan de Igualdade de Oportunidades do persoal municipal do Concello de Ponteareas.

 

A memoria completa pode consultarse na web municipal.