O Centro de Día eleva a 14 os edificios municipais reformados en catro anos para un mellor illamento térmico

O Centro de Día eleva a 14 os edificios municipais reformados en catro anos para un mellor illamento térmico

O Concello recepciona as obras do Centro de Día e o investimento en illamento de edificios públicos supera o millón e medio de euros

O Concello investiu 47.000 euros nos traballos de mellora do Centro de Día, financiados ao abeiro do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, asistiu onte ao acto de recepción das obras de eficiencia enerxética executadas e rematadas no Centro de Día da vila. As actuacións supuxeron un investimento de máis de 47.000 euros, cofinanciados ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ e nun 20% con fondos propios. As obras consistiron no illamento exterior do edificio e do falso teito, a limpeza e reparación da fachada, a substitución da carpintaría exterior e a renovación da pintura interior.

Con esta actuación elévanse a 14 os edificios municipais nos que o goberno municipal do BNG-PSOE realizou este tipo de reformas nos últimos catro anos, cun investimento global superior a 1,5 millóns de euros. Trátase do Conservatorio de Música, a Biblioteca e Museo, a Casa do Concello, a Escola Infantil, o Centro Ocupacional de Canedo, a Casa Cultural de Couso, a Axencia de Lectura de Guillade e cinco vivendas para emerxencia social nas antigas vivendas dos mestres. Ademais, o Concello ten xa previsto executar as mesmas accións en catro edificios máis por un importe superior aos 3 millóns de euros. Será nos edificios da Policía Local e Bombeiros, na Piscina Municipal e na Residencia de Maiores.

As obras en todos estes equipamentos supoñen unha mellora extraordinaria do seu illamento térmico e unha redución do consumo de enerxía non renovábel. Deste xeito, as persoas traballadoras e usuarias destes edificios gozan de maior confort, as edificacións melloran a súa conservación e Ponteareas contribúe de maneira destacada á loita contra a emerxencia climática reducindo emisións de CO2.

A alcaldesa Cristina Fernández salientou que “somos un concello cunha política de redución de CO2 das máis potentes e con maior variedade de actuacións, que van dende estas obras en edificios públicos, a creación da rede de calor por biomasa para substituír caldeiras de gasóleo, a substitución de todo o alumeado público con lámpadas led e as obras de eficiencia enerxética nas depuradoras de Padróns, Prado e A Freixa, até a enorme redución do tráfico de vehículos no centro urbano ou a plantación de milleiros de árbores na vila e nos parques forestais, ao que se une a posta en marcha da Área de Rehabilitación Integral (ARI) na zona vella de Ponteareas, cuxas axudas van dirixidas tamén á mellora da eficiencia enerxética”.

A segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, salientou a capacidade do Concello para captar e lograr nestes anos millóns de euros da Unión Europea para todas estas actuacións, nas que o concello só tivo que achegar aproximadamente o 20%.