O CEIP Santiago de Oliveira poderá estrear pista de patinaxe neste curso

Enmarcadas dentro do proxecto “O patio que queremos” deseñado polo alumnado do CEIP Santiago de Oliviera, as obras da patinaxe teñen un custe total de 25.000€ que se financiarán con fondos propios da concellería de Ensino que dirixe en funcións Cristina Fernández.

Para facer realidade esta demanda da comunidade educativa do centro, a concellería tivo que acometer obras previas de acondicionamento do terreo para agora, nestes días, proceder á pavimentación e colocación de todos os elementos que recolle o proxecto.

A pista de patinaxe ten 350 metros cadrados rematados en formigón cunha varanda de seguridade en todo o seu perímetro. Para fomentar o xogo un túnel serpenteará por un dos laterais da pista cuberto por plantas trepadoras que tupirán os arcos de aceiro e ofrecerán unha zona de sombra.

As obras complétanse coa realización dunha zona de acceso con peldaños e outra en rampa. Tamén se canalizarán as augas e se colocarán pasamáns.

A partir do mes de setembro, unha vez pasada a tempada de altas temperaturas, a concellería procederá a axardinar a contorna da pista de patinaxe e os arcos do túnel de sombra.

O proxecto “O patio que queremos” foi realizado polo alumnado do centro escolar co apoio do seu profesorado e dun equipo de arquitectos financiados polo concello. Un proxecto no que tamén se propuñan un rocódromo, un merendeiro con bancos e mesas cubertos para estar á sombra e unha zona de baile baixo un porche con espellos, grafittis e barras para estiramentos que a concellería xa executou.

O patio que queremos” tamén contempla gradas, cabanas para a lectura no exterior e un escenario ao aire libre que se irán executando nos vindeiros cursos.

Este traballo do alumnado de sexto de primaria do ano 2016/2017 e sexto de educación infantil foi seleccionado pola I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura (Ludantia) para a exposición que tivo lugar en Pontevedra en 2018.

Dentro da liña de actuación da Concellería de Ensino, está a de ofertar aos Centros Educativos programas e proxectos que conten coa participación infantil e xuvenil, seguindo a experiencia adquirida a través da Rede das Cidades das Nenas e dos Nenos inspirada por Francesco Tonucci, facendo de Ponteareas unha cidade da Infancia. 

A concelleira en funcións afirma que “é unha satisfacción apoiar e desenvolver proxectos nos que os protagonistas e creadores son o propio alumnado e a comunidade educativa facendo así que sexan parte activa e responsable do futuro de Ponteareas”.