O CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera reivindica o galego no audiovisual coa estrea de oito curtas no I Festival de Cine

O alumnado de 6º fixo de mestre de cerimonias dun acto no que o público puido gozar dos vídeos realizados por estudantado e familias do centro

Alfombra vermella e photocall en Guláns para celebrar a primeira edición do Festival de Cine do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, unha festa do audiovisual no que o público puido gozar da estrea de oito curtametraxes realizadas polo propio alumnado do centro coa axuda do seu profesorado e mesmo das familias, que tamén se quixeron sumar á iniciativa e elaboraron unha das pezas. O festival, organizado ao abeiro dun proxecto interdisciplinar co cinema como temática central, buscaba ademais “reivindicar que o galego, ademais de tradición e pasado, tamén é presente e futuro e, por suposto, cine”.

As nenas e nenos de 6 de primaria exerceron de organizadores e mestras e mestres de cerimonia, ocupándose do recibimento do público na alfombra vermella, do photocall, de repartir os flocos de millo, de entregar entradas e programas, de acomodar a cada persoa no lugar adecuado para desfrutar do espectáculo e mesmo de presentar cada unha das curtametraxes.

A cativada de infantil, axudada das profesoras Nuria, Lope e Rosa, presentaron ‘Non fai falta a voz’; nenas e nenos de 3º coa docente Cristina Romero realizaron ‘Os tres porquiños’; os rapaces e rapazas de 6º coa profesora Tamara rodaron ‘Luces, cámara e… maxia!’ e o alumnado de 2º crearon ‘Sígueme’ axudados pola súa profesora, Sara. Ademais, ‘O cascabel da gata’ foi a curtametraxe proxectada polos nenos e nenas de 1º axudados pola docente Alba; os cativos e cativas de 4º coa súa profesora Cristina Iturrioz levaron á gran pantalla ‘Oso sonámbulo’ e os nenos e nenas de 5º coa axuda dos docentes Jorge e Eva fixeron ‘O festival de 5º’ coa procura do teseouro e historias de Guláns. As familias do colexio pecharon o ciclo de cine coa súa curtametraxe ‘Un paseíño polo tempo’.

A alcaldesa, Cristina Fernández, acompañou a rapazada e familias neste festival de cine que “foi unha pequena mostra e resultado final dun proxecto educativo no que mestres, mestas, familias e alumnado veñen traballando ao longo de todo o curso”. A rexedora felicitou a todas e todos pola iniciativa, que se irá dando a coñecer ao público xeral a través do blog do centro educativo, onde se irán difundindo as distintas pezas audiovisuais.

O festival, no que non faltou detalle, foi o colofón final dun proxecto no que nenas e nenos tiveron que aprender a manexarse coa imaxe, o son, a iluminación, o guión, a dramatización, os escenarios, os tempos… Pero non foi o único traballo realizado xa que ademais das curtametraxes rapaces e rapazas organizaron un concurso para escoller a mascota do festival, elaboraron a elixida a escala real, fixeron chapas e adhesivos, visualizaron distintas curtas nas aulas, visitaron o Festival de Cans, elaboraron un guión para a presentación do seu propio festival e mesmo fixeron pasarelas para estar elegantes na estrea das súas obras.