O CEIP Fermín Bouza Brey ten xa o seu propio desfibrilador

sdr

A concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Vanesa Fernández, entregou ao director do CEIP Fermín Bouza Brey un desfibrilador que estará ubicado xunto á porta de saída que comunica o edificio das aulas co ximnasio.

Co obxectivo de dispor de desfibriladores nos emprazamentos con maior afluencia de persosas, a concelleira acompañada do xefe de bombeiros procedeu nestes días á dispor a colocación deste equipamento que poderá ser empregado sempre e cando sexa preciso.

O director do centro educativo trasladou á concellería o seu agradecemento e destacou a importancia de estar preparados antes situacións de emerxencia ou nas que se deba prestar auxilios, así mesmo adiantou que algún profesorado xa dispuña de formación básica no emprego de desfibriladores.

Vanesa Fernández e o servizo de bombeiros adiantáronlle a posibilidade de impartir formación tanto para o profesorado como para o alumnado dos últimos cursos co obxectivo de obter actuacións máis efectivas.

Para garantir unha intervención rápida, o equipamento vai acompañado dunhas instrucións básicas nas que o primeiro paso recomenda chamar ao 112 para que un equipo especializado guíe os auxilios prestados por calquera veciño ou veciña que se atope na situación de urxencia. 

Dentro do programa do Plan de Bombeiros de Ponteareas entrégase este novo desfibrilador que se suma aos sete entregados: praza de abastos, campo do Areas, campo de fútbol de Pardellas, no de Angoares, nos bombeiros, na piscina municipal e a protección civil; todos eles lugares cunha alta afluencia de persoas.

Coa intención de convertir Ponteareas nunha vila cardioprotexida, a Concelleira de Sanidade, explica que se seguirán a entregar novos desfibriladores dando prioridade aos puntos con alta afluencia de persoas acompañada da correspondente formación.